Unha resolución do Tribunal de Xustiza da UE abre a porta a anular o proxecto de celulosa de Altri na Ulloa
O tribunal preguntaba ao TXUE sobre se os Estados, para outorgar unha licenza de actividade a unha industria, “deben considerar en todos os casos todas as substancias obxecto de emisións que fosen estabelecidas cientificamente como prexudiciais, incluídas as fraccións de PM 10 e PM 2,5 en calquera caso procedentes da instalación obxecto de avaliación, ou ben procede interpretar a Directiva no sentido de que a autorización ambiental integrada (a medida administrativa de autorización) unicamente debe incluír as substancias contaminantes previstas a priori debido á natureza e ao tipo de actividade industrial desenvolvida?”.
A resolución fixa nos seu fundamentos de dereito que a Directiva 2010/75/UE “estabelece que [para una autorización industrial] a solicitude de permiso debe conter unha descrición do tipo e da magnitude das emisións previsíbeis da instalación aos diferentes medios, así como unha determinación dos efectos significativos das emisións sobre o medio ambiente” e “unha descrición das medidas previstas para controlar as emisións ao medio ambiente”. Ao tempo, determina que “o permiso debe estabelecer valores límite de emisión non só para 13 substancias á atmosfera e outras tantas á auga (figuran no anexo II da Directiva) senón tamén para outras substancias que poidan emitirse pola instalación”.
O proxecto da multinacional portuguesa Altri para conseguir as autorizacións administrativas para erguer unha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, incumpre as disposicións fixadas polo TXUE en relación coa Directiva 2010/75/UE para a prevención e control integrado da contaminación das emisións industriais. De feito, o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) non recolle ningunha referencia ás partículas PM 2,5, malia que a instancia xudicial comunitaria obriga a “ter en conta polo menos todos os contaminantes tratados no informe final de avaliación dos prexuízos para a saúde (...) así como as partículas PM 2,5 e PM 10 de fontes difusas e de verteduras canalizadas”.
A posición do TXUE
A resposta da máis alta instancia xudicial da UE, cuxas resolucións son de obrigado cumprimento para os Estados membros, sinala que “a efectos da expedición ou da revisión dun permiso de explotación dunha instalación en virtude da referida Directiva, a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”.
O proxecto de Altri
Un dos máximos especialistas en emisións na Galiza e autor da primeira tese de doutoramento sobre a choiva ácida, o doutor en Bioloxía e Botánica Ramón Varela, sinala a Nós Diario que “o proxecto presentado por Altri só contemplou e cuantificou catro substancias contaminantes á atmosfera, concretamente fai referencia ás partículas PM 10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e emisións de xofre total reducido (TRS). Non cuantificou nin determinou os efectos ambientais de partículas finas PM 2,5, do dióxido de carbono, do monóxido de carbono ou dos compostos orgánicos volátiles”.
"Á luz desta resolución do TXUE está claro que Altri incumpre os mandatos da Directiva 2010/75/UE e tería que adaptarse a esta resolución tanto no referente á atmosfera como á auga”. Neste punto, salienta que “transcorrido case un mes desde a súa emisión, a Xunta da Galiza debería aclarar cal é a súa decisión ao respecto, se está ao lado de Altri ou quere aceptar a sentenza".
As cuestións de legalidade
Carlos Aymerich, profesor da área de Dereito Público na Universidade da Coruña (UDC), explica a Nós Diario que “a resolución obriga a Xunta da Galiza a valorar todas as substancias contaminantes que vai emitir Altri e non só as recollidas no anexo II da Directiva. Ao tempo, deixa claro que non se pode autorizar unha fábrica nova cando no seu Estudo de Impacto Ambiental non se recollan todas as emisións que teñan un impacto significativo no ambiente”.
O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fernando de Abel sinala a Nós Diario que “a relevancia da decisión queda fóra de toda dúbida, pois impón que nos procedementos de avaliación ambiental deben considerarse non só as substancias contaminantes previsíbeis, senón tamén as non previsíbeis. En consecuencia, a non consideración destas últimas en relación cun determinado proxecto, contravirá o dereito da Unión Europea”, engade.