Un libro firmado polo xornalista fenés e o fotógrafo Daniel Díaz Trigo debuxa «unha cidade máxica, un lugar feito, esencialmente, de luz e de literatura»
01 jul 2024 . Actualizado a las 16:31 h.Ferrol ten unha personalidade de seu. Moi forte. Histórica e indeleblemente marcada polo seu carácter defensivo naval e pola construción de barcos, pero tamén pola ría que se abre ao mar nunha estreitura entre castelos, a presenza da Armada e o Arsenal, o deseño urbano da Magdalena coas raíces na enxeñaría militar e a Ilustración, os barrios populares de Esteiro e Canido, o peirao da Cruz (despois substituído polo de Curuxeiras) nas auténticas orixes da aldea de pescadores e mariñeiros —recoñecido xa no século XIII por Afonso X o Sabio como parte da rede de portos da Coroa de Castela—... Ferrol é un, único, pero ten moitas faces. Tras a alma desa fermosa e complexa faciana, desta urbe, viaxan o xornalista de La Voz de Galicia e escritor Ramón Loureiro (Sillobre, Fene, 1965) e o fotógrafo Daniel Díaz Trigo (Lugo, 1971) no seu libro Ferrol, que publica a editorial Lorref, selo que nace con este mesmo proxecto e que dirixe Ismael González Bouza.
«Ferrol —corrobora Loureiro, Premio Julio Camba— é unha cidade absolutamente singular, que non se parece a ningunha outra. A Antonio Tabucchi, amigo do que me acordo moito, díxenlle un día en Ferrol: “Aquí é onde remata Europa, Antonio”. E el respondeume: “Non, é onde Europa comeza”. E tiña razón». A través de breves textos de indubidable alento poético —recuperados, reescritos e actualizados para a ocasión—, que enriquecen as imaxes de Díaz Trigo, tamén cheas de simbolismo —cuxa mirada axuda a contemplar e chegar alén da evidencia—, indaga a verdade «dun lugar máxico, feito, esencialmente, de luz e de literatura; un espazo cun pasado fascinante e que confío en que teña un marabilloso futuro tamén». «Ferrol —confesa o autor de As galeras de Normandía— é unha cidade á que llo debo todo, e pola que sinto un inmenso afecto. Don Gonzalo Torrente Ballester, parafraseando a Graham Greene, afirmaba aquilo de “Ferrol me fecit”, é dicir, ‘‘foi Ferrol quen me fixo’’. E eu digo exactamente o mesmo; Ferrol tamén me fixo a min», insiste.
Como anota no limiar o profesor José Antonio Ponte Far, neste libro abrolla nidio un territorio moi querido, ese Ferrol, «a nosa fermosa cidade, [que] detrás dunha plácida ría con modernos navíos dispostos a sucar o grande océano, agocha orgullosa os seus encantos e a súa historia».