Saltar ao contido principal

Consideracións despois dunha festa

 

 

Houbo na miña vila neste mes de xullo dous eventos significativos no que a troula se refire: a xa tradicional “Festa do Polbo” e a “Festa do Carme”, que soe ser a xolda xenuína do verán. Da primeira acostumo escapar porque non me gusta no que habitualmente remata. É estupendo que unha festa como esta realce os valores culinarios da vila centrada nun produto que é xenuíno: o polbo, pero o que xa non é tan estupendo é que remate sendo un gran botellón onde o obxectivo principal parece ser beber sen límite, deixar a vila patas arriba de lixo, mexar polas rúas... Isto non mo contaron, non, observeino persoalmente, así que procuro  poñer terra polo medio cando chega o día desta troula. Estaremos a tempo de reconducir unha festa sen que sexa o alcohol o principal produto de consumo? Complicado véxoo, dados os antecedentes.


A do Carme é unha festa máis familiar que a min me trae nostalxias adolescentes e xuvenís. Xa non é como era, xa o concepto de verbena desapareceu en aras dunha música espectáculo ou “tributo a...” que nada ten que ver con aquilo, e o espírito xenuíno da esmorga foise perdendo paulatinamente ata chegar aos nosos días como unha manifestación insubstancial. Habería que lle botar un pouco de imaxinación á cousa co gallo de que a xente puidera sentirse integrada no contexto. A pasada festa do Carme vina un tanto desamparada, carente de atractivo, máis ben cutre. Certo que unha programación axeitada debe contar cuns presupostos axeitados e o mesmo aquí radica o “quid” da cuestión. É verdade que nisto das festas hai unha música para bailar e outra para escoitar ou mellor para ver, aquela en constante decadencia e esta máis aceptada polos organizadores que intúen a preferencia da xente pola posta en escena máis que pola propia música. Poderíase tratar de lle dar de novo pulo á verbena, aquela manifestación social na que a mocidade ía na procura de se relacionar bailando? Por non bailar xa apenas bailamos os maiores, pero existen algunhas tradicións que conviña preservar e lembrar aínda que fose por un día: o día da festa. Poñer luces de cores na praza e unha orquestra de baile podería ser o principio do rexurdimento, pero o mesmo estou dicindo algo sen sentido.

Nestes tempos de troulas a esgalla, deixounos un referente: Sito Sedes, un vocalista, un animador como poucos daquelas orquestras que enganchaban coa xente a través da música que interpretaban. Hoxe seguen a outras orquestras pola posta en escena, polo aparato... Quizais sexa esta a tendencia que marca o tempo no que estamos, e recuperar aquelas músicas sexa arestora unha misión imposible.