Saltar ao contido principal

23% do persoal médico de Atención Primaria estará xubilado en catro anos

 SOS Sanidade Pública reclamou na terza feira medidas urxentes para cubrir as vacacións do persoal sanitario durante o verán. Ao tempo, demandou medidas estruturais para pór solucións á falta de profesionais. A Galiza conta con 2.604 médicos e médicas en Primaria, mais 55,2% deles supera os 60 anos.


SOS Sanidade Pública mobilizarase durante o verán para reclamar que a Xunta da Galiza cubra as baixas de persoal xeradas polas vacacións na tempada estival. Nesta liña, o presidente da plataforma, o doutor Manuel Martín, avanzou que “en moitas localidades xa se están desenvolvendo protestas para denunciar esta situación” e noutras “están previstas accións semellantes”. Na mesma dirección, indicou que “SOS Sanidade Pública vai levar adiante unha recollida de sinaturas por toda Galiza para esixir “centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) de urxencias abertos e co persoal necesario para tratar as persoas enfermas cando se necesite e perto dos nosos fogares, especialmente no medio rural afastado dos hospitais”.

Martín criticou a decisión anunciada na segunda feira polo presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de proceder ao feche de diversos consultorios de Atención Primaria con carácter temporal durante os meses de verán naqueles municipios de menor poboación. Nesta dirección, manifestou o seu temor de que “a medida se volva permanente” e lembrou que “o mesmo dixeron durante a pandemia para deixar sen actividade algúns centros de saúde e hoxe a maioría deles continúan clausurados”. A este respecto, referiuse á problemática creada “en concellos como Castro de Rei (A Terra Chá), co feche do consultorio de Castro de Rei; ou en Cervantes (Os Ancares), co consultorio de Doiras”.

Feche de consultorios

A eliminación dos servizos sanitarios nos consultorios de Atención Primaría é unha constante desde 2009. Se á volta dese ano, a Galiza declaraba 96 centros deste tipo dentro da súa rede de Atención Primaria, ao remate do ano 2021 só contaba con 65, situándose como a comunidade do Estado cun menor número de consultorios locais. O seu escaso nivel de desenvolvemento é explicado por SOS Sanidade Pública como unha mostra da falta de preocupación da Administración pola atención sanitaria da poboación do rural, contra “o principio recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) de achegar os servizos de saúde á cidadanía co obxectivo de facelos máis accesíbeis”.

O relatorio presentado por SOS Sanidade Pública repara nos problemas xerados nas diferentes localidades galegas pola negativa das autoridades sanitarias a cubrir as baixas de persoal provocadas polas vacacións de verán. Exemplifica isto coa situación creada naquelas comarcas como O Barbanza ou O Salnés, onde a poboación incrementa de forma moi importante na tempada estival pola afluencia de turistas procedentes de diversas partes do Estado. Así, alerta sobre o caso do centro de saúde de Ribeira (O Barbanza), “onde só están cubertas catro de oito prazas para atender unha poboación que se incrementa en 20.000 persoas”.

O documento refire tamén casos como o do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar, en Sanxenxo (O Salnés). Este centro ten asignado nove prazas de Medicina Familiar e dúas de Pediatría; porén, só están cubertas cinco da primeira especialidade e unha da segunda para asistir unha poboación que nos meses de verán chega a 80.000 persoas. Ao tempo, desvela que o centro de saúde de Tui (O Baixo Miño) conta “con catro médicos menos durante o verán ao non cubrir o Sergas as substitucións por vacacións dos seu profesionais”. A este respecto, Martín explica que “no verán agudízase polas vacacións un problema presente durante todo o ano”.

Vacantes

9,3 % das prazas de persoal médico permanecen sen cubrir durante todo o ano en Atención Primaria. Segundo explica Martín, “243 prazas médicas de Atención Primaria permanecen vacantes. 133 delas atópanse nesa situación con carácter permanente por non dispor de titular e as 110 restantes temporalmente por ausencia do profesional adscrito á mesma”. As peores cifras rexístranse nas áreas sanitarias de Ourense e Lugo, con 66 e 50 vacantes respectivamente, marcando os mellores datos a área sanitaria da Coruña, con só 17. A estas vacantes estruturais súmanse na tempada estival as xeradas polas vacacións de profesionais.

Martín responsabiliza a Xunta da Galiza da falta de profesionais no sistema sanitario galego. Neste sentido, refírese ás condicións laborais do persoal do Sergas, sinalando que “non se ofreceron contratos dignos” e alertando que “50% dos médicos e das médicas teñen contratos precarios”. Neste punto denuncia “a situación de precariedade, encadeando temporalidades, cambiando de destinos ou sen horarios que permitan conciliar a vida persoal e laboral, sen tempo para a formación, cunha  elevada sobrecarga asistencial e uns salarios inferiores aos europeos”. A este respecto, lembra que “os médicos e as médicas perderon na Galiza 19% do poder adquisitivo desde o ano 2009”.

Os cadros de persoal

O voceiro  SOS Sanidade Pública critica ademais a política de recortes a e ausencia de previsión das autoridades sanitarias que "leva a unha continúa redución das prazas médicas e a un progresivo envellecemento dos cadros de persoal". As últimas cifras ofrecidas polo Sergas sinalan que 1.440 facultativos e facultativas en exercicio nos centros de saúde da Galiza superan os 60 anos, 610 entre 66 e 69 anos e 61 cumpren 70 anos en 2024, o que implica que 23,4% dos mesmos deban xubilarse antes de 2029. Ao tempo, entre 2021 e 2023, último ano con datos, a Atención Primaria galega perdeu 61 prazas de medicina.

A Xunta da Galiza manterá fechadas 836 camas hospitalarias no verán

A Xunta da Galiza procedeu ao feche dun mínimo de 836 camas hospitalarias nas sete áreas sanitarias da Galiza para a tempada de verán, practicamente 60 máis das previstas polo Sergas a finais de maio e avanzadas por Nós Diario. Neste sentido, Manuel Martín denunciou que “o feche de camas mantén os hospitais semiparalizados e así non hai forma de rematar coas listas de agarda”. Na mesma dirección, destaca que “o feche de camas mantén e incrementa as listas de espera, onde temos un tapón".