Saltar ao contido principal

Yolanda Castaño rememora a Villalta e presenta “Materia” no Torrente

 


O acto que terá lugar neste mércores, ás 19.00 horas, no Centro Cultural Torrente Ballester, enmárcase na programación do Concello polo Día das Letras Galegas. Trátase dun evento que tivera que ser aprazado até esta data e que ademais de homenaxear a figura e a obra de Luísa Villalta, ten o obxectivo de dar a coñecer a última obra de Yolanda Castaño.


A vinculación das dúas autoras parte de que “as dúas eramos mulleres poetas vivindo na Coruña”, indica a autora, polo que coincidiron en moitos eventos literarios, coma no recital que  lembra facer xuntas no Sargadelos de Ferrol. Asimesmo, foron compañeiras na directiva da Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e “as dúas compartiamos unha faceta bastante reivindicativa, desde o asociacionismo ou a comunidade”, manifesta Castaño.


Segundo avanza Castaño, no encontro comezará aludindo aos trazos máis salientables da obra da “que foi compañeira e amiga”,  declara a poeta, da que tamén compartirá o seu poema preferido, procedente do libro “Ruido”. “Ela ten algúns temas cos que me sinto moi identificada e que me resultan moi estimulantes e inspiradores”, manifesta a escritora, que pon o exemplo da idea de que “sempre podemos refundarnos e rachar coas expectativas que haxa trazadas sobre nós,  vinculadas ao noso contexto social ou familiar”, continúa.

Última obra

Tras o repaso polo legado de Luísa Villalta, Castaño pasará á súa “propia peripecia literaria”, focalizando sobre todo en “Materia”, obra gañadora do Premio Nacional de la Crítica en 2022 e o da Poesía en 2023, de xeito que especificará algunhas claves do seu proceso creativo, ao mesmo tempo que ilustrará a intervención con recitado de poemas. En relación aos valores comúns que atopa Castaño entre a escritora conmemorada nas Letras Galegas deste ano e a súa propia obra, esta “pivota entorno ao tema da familia pero en lugar de quedarme nunha perspectiva presente ou sincrónica, quixen dividir o poemario en tres partes”, explica a autora.


No caso do primeiro apartado, a creadora reflexiona sobre o pasado familiar, a través do que recupera a estirpe feminina que é representada pola lembranza histórica das súas avoas. A segunda separación céntrase no que “hoxe nos constitúe como materia familiar que no fondo somos”, expón Yolanda Castaño. Para rematar, a terceira parte trata as proxeccións de futuro, tamén neste eido, que no seu caso particular “pasa por unha renuncia á maternidade”, segue a autora. Así pois, esta estrutura pode relacionarse cos tres estados da materia, que dá o título á obra.