XOSÉ MARÍA DOBARRO 2 DE JUNIO DE 2024, 00:30
A doita ser cousa común que unha das primeiras datas que almacenamos na nosa mente é a do nacemento, que fica ben asentada, o que favorece que se lembren mellor acontecementos, bos ou malos, relacionados con ela. Peor que malo, isto é catastrófico, resultou ser o día do meu último aniversario, pois resultou ser o do ataque de Hamas a Israel e toda a desfeita derivada do mesmo. Só o feito de pensalo para escribilo estremece o corazón. Canta inxusta barbarie! E non hai quen a pare, simplemente, porque non interesa parala.
Non é, está claro, porque o señor Avi Hyman, voceiro do goberno, declarase que “ningún poder do mundo impedirá que Israel protexa os seus cidadáns e persiga Hamás en Gaza”, algo no que, é máis que evidente, non acredita nin el, que sabe que hai poderes no mundo que poden facer desaparecer Israel sen que se lles mova un pelo. Mais sabe tamén que non van facer iso nin nada que poida afectar os seus intereses. De aí que Israel faga caso omiso da recente orde da Corte Internacional de Xustiza esixindo o cese inmediato das operacións militares en Rafah, isto é, chuleando, máis unha vez, os organismos internacionais.
Nada lles escoitei dicir ao respecto aos que sempre din acreditar no que diga a xustiza. Será que a Corte Internacional non lles merece confianza?
Ao tempo, España, Irlanda e Noruega –e acto seguido Eslovenia- recoñeceron Palestina como Estado, o que non lle fixo graza ningunha ao goberno israelí, máxime nestes momentos de tensión. O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, cualificou o acto de fito histórico, no que “nuestro país dice que ante el sufrimiento no es posible la indiferencia y que es posible la paz, la solidaridad, el compromiso y la confianza en la humanidad
Israel, á vista está, non comparte esa opinión, como tampouco parecen compartila as dereitas extremas, se facemos caso de escritos de ministros israelís, como Yisrael Katz ou Amichai Chikli, onde, ao tempo que critican o goberno español, loan Feijoo, Abascal ou Díaz Ayuso. Todos e todas, en vez de ter en mente eses valores de solidariedade, compromiso, confianza na humanidade e paz, deben estar a pensar na invasión de Irak, capitaneada, entre outros, polo supremo líder da ultradereita española. E así...
Á vista de manifestacións de amor inmenso a Israel, como a recente visita –con foto para o recordo incluída– de Abascal a Netanyahu, non podo menos que recordar que España non recoñeceu o estado de Israel ata xaneiro de 1986, en austera e case secreta cerimonia celebrada en La Haya. Xa que logo, non foi recoñecido polos diferentes gobernos da ditadura presididos por Franco –sería polo da permanente conxura xudeo-masónica–, esa ditadura que, por certo, aínda non condenaron as nosas dereitas.
Foi, curiosamente, un goberno do PSOE o que recoñeceu Israel, como tamén o é o que vén de recoñecer Palestina, sumándose á ampla maioría de países da ONU que xa o tiñan feito.