Saltar ao contido principal

As escolas infantís privadas subvencionadas deixarán de dar prazas por orde de chegada no curso 25-26

 


gratuidade na matrícula das escolas infantís implantada pola Xunta dende o curso 22-23 trouxo consigo a fin das cotas para acceder aos centros públicos. Pero tamén a creación instantánea da que, de facto, pasou a ser unha nova rede de escolas infantís concertadas, a conformada por todas as privadas que acceden ás subvencións do Goberno galego para sufragar as matrículas que non abonan as familias.

A gratuidade na matrícula das escolas infantís que a Xunta aplica dende o curso 22-23 suprimiu as cotas nos centros públicos, pero tamén creou de facto unha nova rede concertada sen criterios de acceso económicos ou sociais para asignar as prazas

Alén do incremento de demanda nun servizo público que pasou a ser gratuíto no seu acceso, pero non universal -non toda a infancia de 0 a 3 anos ten garantida unha praza-, o novo sistema naceu cunha desigualdade estrutural. Mentres as escolas públicas (as da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, pero tamén as dos concellos) continuaron aplicando os seus baremos económicos ou sociais para asignar as prazas, as privadas subvencionadas quedaron fóra deles, outorgándoas por orde de solicitude ou aplicando os criterios que considerasen convenientes.