Saltar ao contido principal

Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío

  

Coñezo a Mero dende hai cincuenta anos, dende que apareceu na escena da canción galega o grupo “Fuxan os Ventos” do que el foi fundador. Dende entón fomos amigos, unha amizade que dura medio século que xa é dicir. “Fuxan os Ventos” e máis eu gravamos na mesma compañía discográfica, Philips-Fonogram comezando a década dos 70 e axiña souben dos seus postulados, do que eles pretendían coa canción e das metas perseguidas, obxectivos que dadas as circunstancias non eran doados de acadar. “Fuxan os Ventos” foi un grupo mítico dentro do panorama musical galego cunha integridade inseparable as súas bases fundacionais.


Mero invitoume para que o acompañase na presentación do seu libro “50 Aniversario Fuxan os Ventos “Quixo o paxaro pousar na póla ou seu chío” que tivo lugar na sala de actos do Antigo Hospicio organizado polo Club de Prensa de Ferrol. Estiveron tamén o bo amigo e historiador Bernardo Máiz, o xornalista Xulio Xiz e o grupo “O lado escuro”. Todos fixemos un pouco de historia xa que esta refírese sempre a acontecementos pasados, pois somos conscientes que “Fuxan os Ventos” é un suceso pasado malia sabermos que outros “Fuxan” andan por aí co mesmo nome e apelido. Respectando como non podía ser douto xeito, as modas e tendencias, o certo é que estes non son aquel  grupo “Fuxan os Ventos” do que Mero foi fundador e membro perante moitos anos. E Mero escribe a historia sen acritude e o que conta faino con documentos pousado na pola e lanzando aos catro ventos o seu chío, un chío que pon as cousas no seu sitio e o que queira entender que entenda. Por “Fuxan os Ventos” pasaron máis de vinte compoñentes e resulta doado entender que as faíscas poderían saltar en calquera momento e que os intentos por parte de algúns de variaren o compromiso reflectido nas actas fundacionais poderían ser algo a tomar en serio, tanto foi así que Mero e Mini a que, baixo o meu punto de vista, era a columna vertebral do grupo, deixárono . Mero non da nomes  dos causantes da escisión pero tenos porque, como xa dixen, o libro está moi documentado e houbo xente que se achegou a el, logo da súa excelente intervención no acto, para lle dicir que estaba leda de saber que houbo compoñentes do grupo que permaneceron fieis aos seus principios e non deturparon a súa traxectoria. 50 anos, un longo percorrido, dan moito de si no  acontecer cotiá, nas fobias e nas filias, nas fidelidades e deslealdades.


Na árbore cuxa raíz xorde da terra da Matria hai moitas polas, e hai moitos paxaros que se pousan nelas para lanzar dende aí o seu chío. Paxaros con chirlos nidios que chegan ao sentimento e algúns paxaros tamén de mal agoiro. Coidadiño.