Saltar ao contido principal

Aquelas lanchas

 


 

Nesta sociedade industrial pola que navegamos a incidencia do coche particular tivo moita importancia na deturpación do transporte público. A xente prefire usar o seu vehículo antes de se subir a un bus ou a un tren. Isto foi como a serpe que se morde a cola: primeiro aconséllanos que merquemos un coche e despois anímanos a usar o transporte público, que aquel estorba bastante e contamina o seu. En fin... Houbo unha vez un xeito de transporte que resultaba vital para a xente da zona sur da ría: as lanchas, aquelas embarcacións de pasaxe que cada media hora nos movían dende Mugardos a Ferrol, e viceversa. Traballadores e estudantes nun ir e vir constante. Coa proliferación dos coches privados e a inauguración da Ponte das Pías as lanchas deixaron de seren rendibles. Hoxe son tan só un testemuño do pasado, un aliciente para a xente que nos visita nos meses de xulio e agosto, en suma: un atractivo para turistas. Lembro que a finais da década dos 50 e na dos 60 as lanchas ían a tope de pasaxe, moitas veces coa xente de pé. Eran como o cordón umbilical que unía a vila de Mugardos coa cidade de Ferrol por onde transitaban os glóbulos vermellos, vitais para o desenvolvemento económico de tantas e tantas familias. Pero paseniño foron chegando os coches e a xente deixando de embarcar nas lanchas ata que por mor da baixa rendibilidade tiveron que amarrar. Houbo un certo rexurdimento cando o desastre do buque “Discovery” que derrubou a ponte das Pías; entón as lanchas volveron ser esenciais, pero ata que a ponte foi reparada, en suma: un espellismo.
Arestora fálase moito do desleixo a que está sometido o transporte público interurbano: os buses funcionan mal cuns horarios irregulares, e se falamos do tren a cousa chega ao paroxismo. A pregunta é: se funcionasen ben seriamos quen de usar menos o noso coche? Pois sinxelamente teño as miñas dúbidas. Para moitos, o coche converteuse nunha ferramenta imprescindible, nun símbolo dun estado de benestar ao que non estamos dispostos a renunciar aínda que sexa temporalmente: algúns, se puidesen, irían ao baño en coche. Estou seguro de que se o traxecto en tren dende Ferrol á Coruña se reducise en media hora e foran máis numerosas as frecuencias o mesmo subiría máis xente ao tren. Dise que hoxe non é rendible, claro, porque é un desastre. O caso da desaparición do transporte marítimo de pasaxeiros entre Mugardos e Ferrol se debe á aparición doutros medios de transportes polos que a xente se decidiu, o coche particular fundamentalmente. Con todo, eu sigo a botar de menos aquelas viaxes na lancha. Serán nostalxias dun vello? Pode.