Saltar ao contido principal

A voz polifónica de Luísa Villalta...Henrique Dacosta

 Resulta gozoso


 poder revisitar Luísa Villalta, consciente da polifonía que logra emanar da súa poética, diversa en cada un dos libros de poemas que compuxo. Así mesmo, polifonía con relación á súa dramaturxia, e prosa, xa for de ficción, xa de ensaio, que todas elas cultivou tamén, e de todas elas acaba por exhalar esa sutil cadencia musical. Agarrada ao seu violín, en termos físicos, ou mesmo figuradamente, a música e a literatura prendíanse de forma sólida, solidaria se callar, ao seu nume creativo pois era dese xeito como ela sentía a vida. A súa vocación feminista, a busca da outredade, de se saber colocar e chegando a sentir o mesmo que o outro sente, a vocación identitaria cuxa plasmación se fai patente na nación, a constante exploración metapoética, a capacidade de intervención na realidade social... son algúns dos eixos motores que guían a súa obra, a forma de entender a súa escrita.


En Música reservada (1991), libro de poemas, sobrenada unha melodía melancólica, o desamor, o abandono e a ausencia. A miúdo, todo isto vese impregnado de simboloxía, dunha conceptualización filosófica. Mais no seu segundo libro poético, en Ruído (1995), ese proceso mental anterior vénse aquí a corporeizar. O mundo está dominado polo ruído, de modo que será empeño seu tentar recoller eses anacos sonoros e darlles outro lugar, que se converterá, en última instancia, no poema. Vai ser en En concreto (2004), cando a música quebre, prodúcese a disonancia, o mundo fragméntase. Infelizmente, a súa voz física calará en marzo de 2004, deixando a obra inacabada e testamentaria en As palabras ingrávidas (2020), reunidas so este título por Armando Requeixo. Un calendario en forma de taco da editorial portuguesa Assírio&Alvim, recollía en cada folla un fragmento dunha obra publicada de diversos autores, textos cos que Luísa Villalta estabeleceu un diálogo poético até o 26 de febreiro de 2004, nove días antes do seu falecemento. Estes derradeiros poemas transmiten o expresionismo da última etapa, así como un certo hermetismo e simbolismo.

A poesía foi talvez o mundo literario que Luísa Villalta mellor soubo habitar. Na peza teatral As certezas de Ofelia (1999), dinos Manuel Lourenzo que atinxe as súas mellores conclusións dramáticas. Unha Ofelia que non se conduce como a shakesperiana, e que fala do abuso machista e da rebelión da filla, que alerta o seu irmán, Laertes, acerca da violencia do pai. En definitiva, dísenos que as súas pezas dramáticas son existencialistas, de gran profundidade, que as enlaza cun teatro culto lúdico e irónico, e que aborda temas universais.


Finalmente, na narrativa deixounos dúas novelas e un libro de relatos, once en concreto, uns de fasquía fantástica, outros de feitío neolendario, amoroso tamén e, así mesmo, hainos que falan de compromiso cívico etc. A alegoría da vida tratada como un xogo nárrase en Teoría de xogos (1997), entre tanto a fantasía literaria, mesturando lenda e realidade histórica, correspóndese coa novela A chave do tempo (2001).Falamos, en fin, de polifonía vocal, dona ela, Luísa Villalta, dun maxistral rexistro para a arte literaria, música de vida e vida que foi música, porque de tal xorne foi a súa verdade..