Como familia, non renunciamos nunca a darlle unha saída ao legado de Luísa e buscamos de maneira incansable. A súa orde e minuciosidade nas súas cousas fíxonos ver, no seu despacho e nos seus escritos, verdadeiras xoias inéditas. A prol da xustiza para Luísa e da cultura galega, para nós converteuse nun deber poñer a súa obra ao alcance de todos. Despois de anos, atopamos o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e puxemos nas súas mans algo que para nós é mais que unha obra, xa que forma parte do que máis queremos, que é a nosa conexión sentimental con Luísa. O traballo do Centro Ramón Piñeiro foi exhaustivo. Grazas a el, ás asociacións culturais, aos concellos onde ela estivo, a outras institucións galegas e a tanta xente que a queremos e a queren, Luísa non foi esquecida.
Como nós críamos, as persoas que tanto traballaron durante tanto tempo no legado de Luísa transmitíronnos que estamos ante unha obra que é dos herdos culturais máis sobranceiros do noso tempo, e que o seu exemplo debe espallarse coma parte importante da nosa cultura galega ás xentes da nosa e das futuras xeracións. Coñecendo o valor intelectual da nosa querida Luísa, a súa personalidade non deixa indiferente a ninguén. Unhas calidades destacadas cunha formación importante tamén filosófica e con vontade pedagóxica: Luísa fai pensar.
Todo isto é froito do seu amplo estudo, do seu exhaustivo traballo, tendo firme determinación por acadar os seus obxectivos. A súa integridade e a limpeza de facer no que ela cre, sendo sempre fiel a si mesma. Captar a súa esencia é importante para entender a súa obra. Por este motivo penso que se volve significativa unha localización ampla que describa o seu entorno dende a súa infancia. Luísa é profunda, valente, loitadora. Fascinaba en vida e segue fascinando.
Isto levoume a escribir dúas biografías dende o amor a Luísa (Teófilo Edicións). A primeira, para os nenos, Luísa: a nosa estrela. Achegar a Luísa á nenez, á familia cos nosos debuxos saídos do corazón, é unha gran emoción.
E a outra, para todas e todos os maiores que queiran saber máis de Luísa, afondar sobre ela: Palabra de irmá.
A nosa familia é semente dunha grandísima muller e o alicerce fundamental do seu pensamento e da súa escrita. Coas máis nostálxicas fotografías e os pensamentos de Luísa encadrados nos seus Cadernos de memorias: a súa escrita paréceme unha beleza adaptada aos momentos vividos por ela reforzando os pensamentos das súas vivencias.
Queremos dar o noso máis sentido e profundo agradecemento á Real Academia Galega por esta honra a Luísa Villalta e por facer que as súas truncadas ilusións poidan estar, como ela, na universalidade de todos os nosos corazóns.