Saltar ao contido principal

Sábado 6: Homenaxe en Narón á Familia DÍAZ CORRA

 

Memoria Histórica Democrática

13:00 (hace 1 hora)
para Asociación, bcc: 

HOMENAXE EN NARÓN Á FAMILIA DÍAZ CORRAL

 

O sábado, 6 de abril, ás 12 h, no Parque do Cadaval, organizado polo Concello de Narón, celebrarase un acto de lembranza e recoñecemento, colocando unha placa en memoria da familia Díaz Corral, en representación de todas aquelas  que nos tempos tráxicos da Ditadura axudaron e acolleron á veciñanza perseguida.

A A.C. Memoria Histórica Democrática, iniciadora desta Homenaxe a suxerencia de Siro López cuxa familia foi unha das protexidas, fai un chamamento á participación neste acto  aos seus socios, amigos e a todas as personas interesadas.

 

Lugar da celebración :   https://maps.app.goo.gl/tb3SRysnFozF9qeWA

 

 A FAMILIA DÍAZ CORRAL

A casa desta familia, no Camiño de Cornido, no Couto, Narón, foi durante a ditadura franquista, entre 1936 e 1954, un refuxio seguro e solidario para moita xente perseguida.. Foron moitos os que se salvaron dunha morte certa grazas á xenerosidade sen límites dos seus propietarios que non regatearon sacrificios, chegando incluso a perder a súa vida.

Rudesindo Díaz Beceiro (Narón, 1897-1952) era carpinteiro de ribeira na Sociedad Española de Construcción Naval, “a Construtora”, e afiliado á CNT. Casara en 1922 con Benigna Corral Yáñez, (Valdoviño 1904 -Narón 1939) natural do Porto do Cabo, que axudaba a manter a economía familiar cultivando unha pequena horta e vendendo no mercado de Ferrol.

Tiñan dous fillos Benigna (1924-2017) e Rudesindo (1926-1954) Díaz Corral. Binucha e Sindito.

A pequena era unha nena feliz que ía á escola a Xuvia e gozaba aprendendo e pintando. Coa prematura morte da nai tivo que deixar os estudos e facerse cargo da casa. Casaría aos 22, con José Manuel Cores Martínez (Pontedeume 1923 –Ferrol 1983), delineante en Bazán. Tiveron unha filla: María Benigna (Nina) e pasaron a vivir a Ferrol.

Sindo, aos 14 anos, entrou a traballar en Fenya, como torneiro, aínda que non tiña boa saúde.

Cando se produce o golpe militar, en xullo de 1936, esta familia, de firmes principios solidarios e de esquerdas, convértese –como outras moitas da comarca -nun sostén fundamental para moita xente perseguida e agochada.

Rudesindo prepara na bodega da casa, baixo o banco de carpinteiro, cunha trapela ben disimulada, un agocho onde se resgarda temporalmente moita xente. Ás veces, ata seis persoas xuntas. Ao mesmo tempo auxilian con alimentos ou acubillo e, sobre todo, con agarimo, a familiares dos presos.

Axuda tamén, co seu bote, xunto a outras familias da zona, a trasladar republicanos agachados durante a guerra, que en 1939 se fan con vapores pesqueiros en Ferrol e Ares e marchan cara á liberdade, chegando a Francia.

Pasados os peores anos de persecucións masivas, esta necesidade vai diminuíndo e céntrase máis en atender e dar apoio a membros da guerrilla. Morto Rudesindo en 1952, o seu fillo Sindo segue protexendo aos perseguidos, especialmente a “Pancho”que fora compañeiro do seu pai en Bazán e con quen mantiñan unha longa e estreita amizade. (Francisco Martínez Leira “Pancho” (Pontedeume 1916-1954) veciño de Mugardos, operario da Construtora, afiliado ao PC, que ao ser descuberto incorpórase á guerrilla en 1948).

O 19 de novembro de 1954 a Garda Civil sorprende a Pancho na casa, quen aínda ferido logra fuxir. No mesmo momento, os gardas, en represalia asasinan a Sindo. A súa irmá Binucha e o seu cuñado José Manuel Cores pasan no cárcere 17 días. El sofre maltrato e castígano seis meses sen soldo.

A Pancho mátano poucas datas despois, o 31 de decembro, na súa terra natal de Ombre, Pontedeume.

Non foi esta a única familia solidaria. É unha delas e representa a moitas que, con innumerables sacrificios, valeron a tantas vítimas do terror, mantendo alta a dignidade dun pobo.

A todas elas, a veciñanza e o Concello de Narón renden aquí lembranza e agradecemento.

Enlaces a outros traballos relacionados:

https://naron.gal/web/cat/gal/memoria-historica