Saltar ao contido principal

O prezo da vivenda aumenta 3,6% na Galiza no primeiro trimestre do ano

               O metro cadrado sitúase na Galiza nos 1.322 euros.


O prezo da vivenda aumentou 3,6% na Galiza no primeiro trimestre do ano, en relación á taxa interanual, segundo un estudo de Tinsa IMIE Mercados Locais.

Pola súa parte, a Sociedade de Taxación, no seu Informe de Tendencias do Sector Inmobiliario, onde se analiza a evolución do prezo medio da vivenda nova e usada até marzo deste ano, conclúe que as perspectivas do sector inmobiliario melloraron durante o primeiro trimestre, en comparación co anterior.

Faino, explica, "ante a expectativa de que o Banco Central Europeo poida relaxar a súa política monetaria nos próximos meses". "O optimismo no inmobiliario crece por primeira vez desde 2022", remarca para destacar, no caso da Galiza, como no doutros territorios, o aumento do Índice de Confianza Inmobiliario,  2% en taxa trimestral na comunidade galega.

Este estudo sinala que "a peche de 2023, o prezo da vivenda rexistrou un crecemento xeneralizado en todas as comunidades ", situándose na Galiza nos 1.322 euros o metro cadrado.

Pola súa parte, a estatística Tinsa IMIE Mercados Locais do primeiro trimestre de 2024 reflicte que os prezos residenciais mantivéronse na contorna da estabilización na maioría das zonas, con crecementos máis intensos nos municipios con maior compoñente turístico e desaceleracións marcadas nos polos de emprego e as súas áreas metropolitanas.

Segundo as taxacións de Tinsa, o valor medio a vivenda nova e usada no Estado é 3,3 % máis elevado que un ano antes, após aumentar 0,1 % no último trimestre (desde o cuarto trimestre de 2023). Con todo, engade que "é a menor taxa de crecemento trimestral desde finais de 2020". Un total de 19 capitais e ata 34 provincias mostran na estatística unha evolución trimestral practicamente plana, recalca o informe.

Aumento do aluguer

O importe medio de aluguer na Galiza en 2014 era de 364 euros ao mes, un prezo que hoxe sería considerado irrisorio. De feito, e segundo o Observatorio da Vivenda da Galiza, o que se paga hoxe en día de media por un aluguer son 518 euros. 

Houbo nestes 10 anos un incremento no prezo do arrendamento na Galiza do 40%. No entanto, a suba dos salarios nese mesmo período ficou en 10%. Se o salario medio anual para as asalariadas e asalariados galegos era en 2014 de 19.824 euros, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), agora esa mesma remuneración sitúase en 21.900. O incremento ao longo da década foi neste caso de 10%.