Saltar ao contido principal

XOSÉ MARÍA DOBARRO 17 DE MARZO DE 2024, 00:00

 


A semana que se nos vai comezou coa lembranza do vixésimo aniversario do estoupido das bombas en catro trens de cercanías de Madrid, que supuxeron o maior atentado terrorista en territorio español: 192 falecidos e perto de dous mil feridos. Toda unha grande e terrible traxedia que, para maior indignación, adquiriu tintes de traxicomedia, cando o PP, o partido gobernante, ante a inmediatez das eleccións xerais, a celebrar tres días despois, pretendeu lavar a cara adxudicándolle á ETA a autoría da desfeita, cando todo apuntaba a que os tiros non ían por aí.


Como outros centros da Universidade da Coruña, a Facultade de Filoloxía organizara un pequeno acto de repulsa dos feitos diante do edificio, que daquela estaba no campus de Elviña, e recordo perfectamente que o bo amigo Mauro Fernández, posiblemente o noso mellor sociolingüísta, me comentara, cando os medios só falaban da ETA, que lle daba a sensación de que aquilo non era cousa de vascos, senón de islamistas. Había moito sangue polo medio. Dicíao con certo coñecemento, pois estivera varios anos de profesor en Marrocos. E así foi.


Era unha gran mentira máis do goberno do PP de José María Aznar, que vía necesaria para evitar que os electores lle virasen as costas ao veren que os atentados podían vir motivados pola súa participación na invasión de Irak, amparada naquela grande mentira das armas de destrución masiva que posuía Sadam Hussein.


A historia demostrou que o das armas de destrución masiva non fora máis que enganosa desculpa para derrocar o presidente irakí, o que non trouxo máis que problemas de todo tipo, como, en 2015, recoñeceu o ex primer ministro británico Tony Blair, cando pediu publicamente perdón polos erros cometidos nesa guerra. Algo que, por certo, aínda non fixo o ex presidente Aznar, nin tampouco o PP. E parece claro que un deses problemas derivados da invasión e da guerra foi a traxedia dos trens de Madrid.


A sentencia xudicial que condenou os causantes da mesma deixou ben clara a ausencia de ETA en todo ese proceso. Tamén seguimos agardando unha desculpa do Partido Popular por esa mentira que montou.
Vendo na televisión imaxes do acontecido aqueles días viñéronme á cabeza os recordos dos pesadelos que tivera pensando en ter que soportar catro anos máis os rostros daqueles personaxes que en soños se me aparecían como os dos ogros dos contos infantís. Volvelos ver mentindo con aquel descaro fíxome sentir mal.


Resúltame sorprendente que á vista de mentiras tan grandes, como estas da guerra de Irak e da atribución a ETA da matanza de Madrid, o Partido Popular acuse, día si, día tamén, de mentir ao actual presidente do Goberno, a maioría das veces sen xustificación de ningún tipo.


En política mente todo o mundo, estou convencido, mais, desde logo, nunha lle escoitei a ninguén botar mentiras do calibre destas dúas das que acabamos de falar Con eses antecedentes non sería mellor estar calados ou cando menos rebaixar os tons?.