Saltar ao contido principal

O director de proxecto de Altri para a Galiza recoñece que se non hai fondos públicos, "non é viábel"

 Nunha entrevista na Cadea Ser Galicia Bruno Dapena afirma que a auga que se capte "devolverase ao río con máis calidade".


O director de proxecto de Altri, Bruno Dapena, asegura que os fondos europeos "son unha condición sine qua non" e que "sen as axudas públicas o proxecto non sería viábel". É un proxecto, dixo, "pioneiro, único no  mundo·" e que require "un esforzo económico importante". Esforzo que requeriría das axudas de diñeiro e fondos públicos. Sen estes, recoñeceu, non hai proxecto

Fíxoo durante unha entrevista na Cadea Ser Galicia co xornalista Iñigo Caínzos e onde defendeu que contan con "ultimísima tecnoloxía" e que "o proceso produtivo non consome auga, senón que a usa", devolvéndoa ao río "con máis calidade da que foi captada". 

Sinalou, ademais, que a auga devolveríase nun punto anterior ao de captación no río, de modo que "se volvería usar a mesma auga" e engade que o proceso é "moi garantista".

Sobre os expedientes abertos en Portugal por unha vertedura no río Texo, sinala que estes "quedaron arquivados" e que non se impuxo ningunha multa. 

En todo caso, defende a conveniencia de situar a fábrica na Galiza e non en Portugal por unha cuestión loxística, de acceso a materias primas como o .

A fábrica dará traballo a 500 persoas de forma directa, e a outras 2.000 de forma indirecta, afirmou. Dixo que a construción do complexo requerería 36 meses, acadándose "picos" de emprego na construción de "4.000" traballadores.

Lamentou Dapena que houbese que cancelar as charlas, "que tiñan un obxectivo didáctico" polas críticas e a actitude dalgúns dos asistentes. 

"Tratamos explicar o proxecto desde o rigor técnico, que é no que nos temos que basear", apuntou. E indicou que "seguiremos informando do proxecto" se ben "noutros formatos".