Saltar ao contido principal

O cemiterio do Val acollerá este luns traballos de localización de 51 vítimas do franquismo

 


Cando en Ferrol xa non quedaba máis sitio para os enterramentos dos fusilados e paseados, abríronse as fosas comúns en Narón. A fosa do cemiterio ferrolán de Serantes é considerada a maior de Galicia, que pode ter 175 vítimas (segundo investigacións de Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez). E agora unha equipa do grupo Histagra (Universidade de Santiago de Compostela) busca os restos dos 51 asasinados no camposanto do Val (Narón). O luns realizará os traballos de localización, xunto con membros do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e da asociación Memoria Histórica Democrática.

Estas labores están encamiñadas a «unha posible exhumación das 51 vítimas da represión franquista alí soterradas», indican desde Memoria Histórica Democrática. Realizaranse entre as 12.00 e as 13.00 horas do luns.

Entre as vítimas, atópanse membros das tripulacións do acorazado España (uns 32 homes), o transporte de guerra Contramaestre Casado, do vapor Dómine, ademais doutros veciños de Narón e Ferrol. Recordan as entidades participantes que «estes traballos son continuación dos efectuados co georradar o pasado 10 de outubro».

O mapa de fosas comúns de Galicia pode verse detalladamente na páxina web de Nomes e Voces.