Manuel Mera Foi presidente da CIG e foi secretario xeral da INTG....Marzo do 72, a loita que a ditadura non gañou
O dez de marzo de 1972 foi un día amargo para Ferrol e toda Galiza, xa que eran asasinados nas rúas da cidade dous operarios de Bazán e uns trinta resultaban feridos (algúns de gravidade) por mor da represión policial ordenada pola ditadura franquista. Ese mesmo día foron detidas 14 persoas. O conflito xurdiu porque os obreiros do estaleiro Bazán querían negociar un convenio a nivel provincial, separándose do inter-provincial no que estaban integrados, xa que neste existía unha correlación de forzas desfavorábel ás reivindicacións da clase obreira do estaleiro galego.
Comezaron as protestas, a medida que se esgotaba a vía da reclamación verbal e escrita. A empresa respondeu co peche da factoría o día 10 de marzo, polo que os traballadores concentrados nas portas, en número duns 4.000, fixeron unha manifestación pola cidade. Dirixíanse á ponte das Pías cando foron reprimidos por un grande despregue policial. Os da Bazán querían converxer cunha columna de operarios de Astano, o outro grande estaleiro da comarca, situado da outra banda da ría no concello de Fene. A “Mariña” colocou un barco de guerra cos canóns apuntando á ponte, para evitar unha mobilización conxunta, e todas as tropas da zona marítima foron acuarteladas.
Os medios informaron presentando aos traballadores como os agresores, deformando a realidade, como era norma durante a ditadura franquista. Nos xornais dicíase que a policía armada (os grises) pediran aos manifestantes que se disolveran, que estes non o fixeran e comezaran a guindar pedras contra ás forzas da orde, que contestaron. Mesmo dábanse cifras de policías mancados, malia que ningún ingresou en centro sanitario, coa evidente intención de amosar que a represión, sen motivos e moi dura, foi unha resposta necesaria. Mesmo algún xornal, como o ABC, facéndose eco do comunicado do Governo Civil, destacaba que os alborotadores percorreran as rúas da cidade guindando pedras aos comercios e edificios oficiais, e que as forzas da orde tiveran que se refuxiar nos cuarteis. O “Consejo del Movimiento” cualificaba o acontecido, como: “turbios manexos duns poucos criminais fomentadores da violencia”, engadindo o de “comunistas”.
Axiña a protesta alargouse a outras zonas da comarca e do país. Houbo paros en A Coruña e na Universidade Compostelá, porén a maior solidariedade deuse en Vigo, na que se fixo folga nas grandes empresas, por exemplo, o día 11 de marzo en Citroen, Vulcano, Barreras, Freire, Reyman e Censa; as que se sumarían nos seguintes días, Álvarez, Masso, Santo Domingo, etc. Nesta cidade fíxose unha protesta na Porta do Sol o 15 de marzo, na que aparecía publicamente por vez primeira Organización Obreira, unha escisión de CC.OO, que tería un importante papel no paro de maio en Barreras e na folga xeral de setembro dese mesmo ano na comarca. Dado a adverso da correlación de forzas, e que CC.OOO non estaba preparada para este grao de represión naquela conxuntura, de vagar os obreiros foron retornando ao traballo (a proposta do PCE do “Pacto por la Libertad” marcaba outra realidade e folla de ruta). O 22 de marzo os xornais dicían que na Bazán estaba todo o cadro de persoal incorporado.
A represión continuou. A Bazán foi militarizada, houbo 160 despedimentos, e outros 100 nas empresas da comarca que se uniran ao paro e mobilizacións. As detencións foron masivas e moitos serían xulgados polo Tribunal de Orde Público (TOP). Cómpre salientar o Consello de Guerra contra 8 traballadores de Bazán “por propaganda ilegal”, e o xuízo polo TOP do que foi coñecido como “dos 23 de Ferrol”. Tamén foron numerosas as multas. Daquela que o salto cualitativo que implicou aquela loita, pola solidariedade da comarca e de toda Galiza, polos mortos e feridos, polo grao de represión, esta xornada fose escollida como Día da Clase Obreira Galega.
Porén, malia a dureza da represión, a loita da clase obreira galega mantívose viva. En maio de 1972 comeza conflito en Barreras en Vigo que se estendería a outras empresas, polas enormes diverxencias que había entre a patronal e o persoal na negociación do convenio colectivo. O historiador Bernardo Máiz destaca sobre este conflito que “o activismo, a propaganda, os “saltos” nas rúas e a creación de conciencia foran a máis entre os días 24 e 31 de maio en Vigo, medrando un novo xeito de entender a loita especialmente por obra de Organización Obreira (OO). O proprio pasou na folga xeral de setembro en Vigo que durou dúas semanas, e que chegou a abranguer ate 28.000 traballadoras e traballadores en paro.
A represión foi moi forte, a cidade estivo tomada pola policía e máis a garda civil. Para alen dos milleiros de cartas das empresas comunicando despedimentos (unhas seis mil), coa finalidade de incidir en cada familia, ao final os despedimentos aínda que mais baixos foron importantes, sumaron 400, aos/as que engadir os detidos, aos moitos/as que se tiveron que pasar à clandestinidade e exilio… Mais, no ano 1974 na Galiza a loita obreira volvía con forza, polo que foi unha derrota conxuntural, da que se quitaron experiencias positivas e negativas. En 1974 xa hai que destacar os conflitos laborais en Astano (Fene) e Genosa (A Coruña), en xaneiro. En Barreras e Vulcano no mes de maio en Vigo, cun plante de horas extra. E nas compañías auxiliares de Astano, en Censa e Dresslock do Porriño, Álvarez e Citroën en Vigo, todas elas en outubro. Na bisbarra do Morrazo podemos ademais facer mención ao conflito en Massó a finais de 1974, en Cangas, que tivo como protagonistas as mulleres traballadoras. Amosando cal era naquela conxuntura o grao de conciencia da clase traballadora.
En resumo: a represión non derrotou á clase traballadora galega, mesmo nos tempos da ditadura franquista, foron como aspecto negativo para a clase traballadora máis efectivos os relatos dos medios e os partidos controlados polas clases dominantes. Agora ben, a dura represión de 1972 desfixo a O.O, debilitou a CC.OO, que valorará trabucadamente o momento, mentres que deu pulo ao nacionalismo galego e de clase: en 1973 nacía a nivel nacional a Fronte Obreira da Unión do Povo Galego, en 1974 os xermolos sindicais e a UTEG, en 1975 o Sindicato Obreiro Galego (SOG), en 1977 a Intersindical Nacional Galega (ING), os máis antigos dos antecedentes da CIG. O 10 de marzo de 1972, como en setembro dese ano, a ditadura derrotou á clase traballadora, porén non venceu, como reflectiron os feitos posteriores