Estamos de acordo en que as listas de agarda actuais, sexa en atención primaria ou no hospital, son indicador dunha deficiencia. Se un servizo non é accesible o suposto servizo non existe. É un problema, mais precisa un diagnóstico antes de empezar a usar tratamentos ineficaces.
A Consellería de Sanidade galega ordena penalizar economicamente aos médicos de familia que teñan lista de agarda durante o ano 2024. Dedúcese desta decisión que considera aos médicos de familia responsables das listas de espera en atención primaria.
Antes de describir algunha das causas da lista de agarda débese saber que a estrutura da axenda de citación dos médicos de familia e pediatras galegos, ou sexa, o número de pacientes por día e as súas características (consulta programada, a demanda ou telefónica, e o tempo adicado a cada unha) son decididas exclusivamente pola dirección, non depende dos médicos. A isto chámanlle axenda de calidade e presentouse no seu día pola Consellería de Sanidade como unha solución á demanda.
As causas da lista de espera en atención primaria son fundamentalmente tres: a falta de médicos de familia e pediatras, a «demanda impropia» e a complexidade actual do acto médico.
A falta de facultativos é un problema xeral internacional. Analizar este déficit excede do espazo deste artigo pero é seguro que a consellería, sen poder resolvelo por completo, pode agravalo ou melloralo coa súas decisións sobre condicións de traballo e a valoración da actividade destes profesionais dentro da organización sanitaria e na sociedade.
A demanda impropia son as citas que ocupan as axendas médicas e nunca deberían ter chegado ao médico de familia, ben porque non lle corresponde a súa solución ben porque deberían resolverse noutros lugares da organización sanitaria, fundamentalmente no hospital, ou por outras institucións como as educativas ou laborais. Estimouse que esta ocupa un mínimo de 22 minutos diarios da axenda médica nun estudo realizado nos centros de A Coruña no 2023. Cito só tres tipos das múltiples demandas impropias sufridas: 1) para dar o resultado de probas solicitadas no hospital (análises, radiografías...), 2) para facer receitas que non fan outros especialistas das consultas externas ou de urxencias ou das cirurxías concertadas, 3) citas que se repiten até varias veces porque non hai informes das probas radiolóxicas solicitadas ou non hai resposta ás consultas electrónicas feitas aos especialistas hospitalarios. Este tipo de consultas non só ocupan parte da axenda senón que provocan unha carga mental aos facultativos, que ademais de verse desbordados pola demanda, teñen que soportar consultas indebidas.
O tipo de asistencia, a implicación, a empatía, a intención de resolver si é propia dos facultativos pero debemos ter en conta que a complexidade do acto médico é creciente. O seguimento de problemas crónicos, que antes en gran medida se facía no hospital, a escoita activa de problemas de saúde mental ou o intento de resolución real dos problemas dos pacientes, ben realizando técnicas (cirurxía, infiltracións, ecografía), ben coa petición de probas complementarias asumindo o seguimento dos pacientes son útiles para os pacientes e motivo de satisfacción e profesionalidade pero ocupan espazo e tempo. Se o médico quere, no que depende de el, non tería lista de agarda, ben por derivar todo ao hospital ben por non facer o estudo e seguimento adecuado dos problemas dos pacientes, pero estamos de acordo que iso é incorrecto e pouco profesional. Non tería sentido e non pode ser o que busca a consellería.
Culpabilizar aos médicos de familia non vai solucionar a lista de agarda pero aumenta a insatisfacción destes, empeora as condicións de traballo e dificulta que as novas profesionais elixan a consulta ordinaria no lugar de urxencias ou outras alternativas.
Un tratamento incorrecto non resolve problemas pero provoca efectos secundarios indesexables. A Consellería de Sanidade galega debe rectificar e retirar de inmediato esta penalización. Debería preocuparse máis por coidar aos médicos e mellorar a eficiencia da organización sanitaria. Nisto ten moito traballo por diante.