Saltar ao contido principal

Falan os médicos do Sergas: “A Xunta fomenta contratos ilegais mentres presume de xestión”

 


“Eu levo asinado contratos de quince días, dun mes e, como máximo de seis meses”, apunta un profesional sanitario que denuncia que non ten dereito a permisos laborais como o de paternidade ou a indemnizacións. Sobre a xestión do coronavirus é contundente: “Se isto pasara en Madrid a situación ía ser igual ou peor”.


Adrián é médico do Sergas. Leva catro anos traballando en precario, sumando contrato tras contrato. A súa situación é moi semellante a doutros profesionais da sanidade pública; enfermeiras, técnicos de enfermaría ou celadores entre outros. En total, as listas rondan as 35.000 persoas. Forma parte dunha sanidade precarizada da que presumía o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Adrián, xunto con outros e outras colegas impulsan o colectivo Facultativos Eventuais Galegos en Loita (Fegal) que, xa antes da pandemia do coronavirus, comezou a denunciar a súa situación con protestas diante dos hospitais galegos en colaboración coa asociación Médicos Unidos por sus Derechos (MUD). Unha protesta que paralizaron durante estes meses para concentrarse na loita contra a COVID-19, unha prioridade para todos os sanitarios do país.

Precisamente, esa prioridade, fixo que traballarán sen mirar as horas, nin as condicións e só levantando a voz para denunciar a falta de medios. Pero esta situación extraordinaria non pode ocultar que moitos deste persoal sanitario leva anos vivindo nunha situación precaria. Algúns deles levan case dez anos con contratos de meses. “Agora en maio remato o contrato de seis meses e xa me dixeron que me collen outros seis meses”, apunta

 Adrián.


CONTRATOS DE QUINCE DÍAS

“Son contratos en proba que levo xa asinando varios anos. Son ilegais mentres a Xunta presume de xestión. Tiven contratos de quince días, dun mes, pero nunca máis de seis”, destaca. Un sistema de contratación que non é legal, segundo o propio marco xurídico do Sergas que suliña que se se acumulan contratos de tarefas por un período de máis de dous anos, a xerencia hospitalaria ten que crear esa praza de xeito estrutural.

Médicos e sanitarios xa lle pediron explicacións á Xunta por esta alegalidade. E sempre obteñen o silencio por resposta. “Isto é prearizar a sanidade pública. No meu servizo somos máis de quince persoas, un 35% de eventualide. E isto é algo que se repite de forma xeral no resto de servizos”, denuncia.

Unha precariedade que afecta as súas vidas laborais. Moitos son pais e nais. Non poden desfrutar de baixas por este motivo, nin teñen dereito a indemnizacións se son despedidos. Os concursos que saca o Sergas son moi espaciados non tempo e, cando se sacan, “non se axustan á realidade da situación e tardan moito en resolverse”. A última OPE foi no 2016 e o proceso pechouse no 2019.

CORONAVIRUS

Feijóo acaba de anunciar unhas eleccións en Galicia. Unhas eleccións que convocou en xullo en plena recuperación da pandemia e presumindo da sanidade pública galega. Este domingo aseguraba que nunca como nos seus anos de goberno se investira tanto en sanidade e, en parte, grazas a iso se conseguir frear o coronavirus.

Unha afirmación que, desde logo, non coincide para nada co que vive o persoal sanitario que lembra os primeiros momentos de caos que se viviron no Sergas. Grazas ao seu traballo, principalmente, a situación poido salvarse, pero non tanto polos medios e os investimentos de Feijóo, senón, porque a situación estivo controlada pola pouca circulación do virus en Galicia en relación con outros lugares. “Se aquí pasara como en Madrid isto ía ser un desastre”, asegura.