Saltar ao contido principal

Acampa pola paz e o dereito a refuxio Rede Acampa lamenta a oportunidade perdida co novo Pacto Europeo de Migracións e Asilo

 O novo pacto europeo avanza na deshumanización das persoas migrantes, normaliza e reforza a bunkerización de Europa  e pisa os dereitos humanos e o dereito a refuxio


  • Deportacións exprés. A tutela e os dereitos redúcense. 
  • Os seres humanos teñen prezo. 20.000 euros por non acollelos 
  • A illas europeas convertidas en cárceres de acollida 
  • Nada sobre o que acontece na mar. O que preocupa é que cheguen, non que se afoguen.

Había poucas esperanzas  de que a tendencia que nos últimos anos estaba a  asentar en Europa fose dar un revolcón no novo Pacto Europeo de Migracións e Asilo. Pero aínda así, analizando o acordado e rubricado na madrugada do 20 de decembro  nas institucións europeas, confírmanse os peores presaxios. Díante diso, Rede Acampa pola Paz non pode senón expresar a súa  tristeza pola oportunidade perdida. Fronte á realidade migratoria, máis valos e medidas que sen dúbida alimentarán o odio e a xenofobia mentres se perfeccionan e visten de legalidade fórmulas para dobregar os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. Nada que celebrar. 

O primeiro que chama a atención é a conversión dos  seres humanos en produtos refugables e con prezo. Fíxanse cotas obrigatorias pero flexibles. Treinta mil refuxiados ao ano. Pero se como país non vén ben asumir ese número poderase non acoller a cambio de abonar 20.000 euros por persoa  rexeitada. Non é difícil avanzar o resultado deste acordo. Os países máis podentes poderán “desfacerse” do problema a golpe de carteira e subcontratar noutros as súas obrigas. O desequilibrio crecerá exponencialmente. 

No ámbito das deportacións os cambios tampouco son halagüeños. Refórzase esta figura establecendo as avaliacións exprés, fixándose en sete días o prazo para descartar a aqueles que non teñan dereito a asilo. Sen posibilidade de recurso xudicial. Esa aceleración das deportacións, reducindo a tutela e a capacidade de recorrer suporá, a xuízo dos expertos, un coladeiro para rexeitamentos masivos. Calquera que traballe neste campo sabe que ese prazo é imposible de ser cumprido respectando os dereitos das persoas que chegan. A realidade é que actualmente execútanse só entre un 30 e un 40% das deportacións que se acordan porque os países de orixe non aceptan o retorno. Por iso, no novo Pacto óptase por pagar a países fóra da UE para que fagan de eficaces “cancerbeiros”, impedindo o paso das persoas que migran ou recibíndoas unha vez rexeitadas. Que respecten ou non os DDHH non entra na ecuación.  

Outro feito alarmante é que se consolida a transformación das illas europeas que máis presión migratoria están a sufrir (Lampedusa, Sicilia, as illas gregas do Exeo e  as españolas Canarias), en cárceres de acollida. Retidos en chan europeo coma se non estivesen nel e por tanto coma se non fosen aplicables os dereitos que si tería calquera europeo.  

Se falamos de menores non acompañados o Pacto aínda é máis sanguento. Sete días para confirmar a súa situación e para pescudar con que familiares han de reunirse e en que punto de Europa… Por non falar de que no expediente de asilo constarán datos biométricos: trazos faciais, impresións dixitais… 

A realidade é que nos mares que bañan o continente europeo están a morrer miles de persoas. Pero o Pacto non aborda nada disto, coma se non acontecese. Nada de prevención, nada de reforzo dos medios de salvamento marítimo, nada  de colaboración coas ONG que están nestes momentos operando para salvar vidas. O que preocupa é que cheguen. Pero non que non cheguen.  

Europa autorízase a si mesma a non respectar o dereito de asilo máis aló de 30.000 persoas ao ano. A súa política migratoria seguirá condenando á morte a miles de persoas. Desde Rede Acampa pola Paz, por último, só concluír que é moi pouco edificante que este Pacto fora aprobado no marco da presidencia española da UE, confirmándose así que o noso país está a se aliñar a paso de xigante con esa Europa cada vez máis xenófoba e retrógrada