Desde o vindeiro luns na biblioteca municipal ata o 30 de xaneiro
21 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.España tivo máis de 9.000 vítimas nos campos nazis e mataron a uns 6.000. De Galicia foron 350 vítimas e 200 acabaron asasinadas. E de Ferrolterra chegaron 21 presos sobre todo a Mauthausen, salvo un a Ravensbrück, e sobreviviron a metade. O historiador Enrique Barrera investigou a fondo a historia das vítimas da comarca nos campos de concentración nazis, a través da asociación Memoria Histórica Democrática. E todo ese traballo pode verse na exposición fotográfica Galegos en Mauthausen que regresa agora á biblioteca pública municipal de Narón, desde o luns ata o 30 de xaneiro.
Segundo indican desde a asociación Memoria Histórica Democrática, «son 40 imaxes que amosan as duras condicións de vida no campo nazi de exterminio e os documentos de españois e españolas que foron prisioneiros ou sucumbiron nel». A actividad enmárcase en torno á data do 27 de xaneiro como Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. A programación da asociación pasa polos seguintes eventos. Xa o xoves houbo unha charla-coloquio co alumnado do colexio Jorge Juan de Xuvia. Participaron varios directivos da entidade e o historiador Enrique Barrera, que é o secretario.
Os mesmos alumnos farán unha visita guiada á exposición na biblioteca o día 26 e participarán a continuación no salón de plenos do Concello de Narón, na xa tradicional ceremonia de encendido das candeas que representan a cada colectivo das vítimas do Holocausto.
A exposición, en colaboración coa biblioteca e Concello de Narón, estará aberta a toda a cidadanía. Centros escolares e asociacións poden pedir visita guiada.