"Calquera persoa que acuda a un centro de saúde vaise a atopar moi serias dificultades, con listas de espera que nalgúns casos superan o mes", advertiron dende SOS Sanidade Pública.
Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2023 | Actualizada ás 14:46
A aprobación definitiva dos orzamentos da Comunidade galega para o próximo 2024 no Parlamento de Galicia concentrou este martes extramuros a varias decenas de manifestantes convocados por SOS Sanidade Pública (e todas as organizacións que a compoñen) e o sindicato CIG neste caso para reclamar a xornada laboral de 35 horas na Administración autonómica e outras demandas relacionadas co seu ámbito. Casualmente, un dos colectivos que acudiu este martes ao Pazo do Hórreo foi unha representación de bombeiros comarcais (que están en pleno conflito) e que, á súa chegada, deron uns aplausos antes de atravesar o limiar aberto do enreixado de aceiro que protexen o recinto.
Así, en declaracións aos medios, o secretario nacional de CIG-Administración Pública, Luís Carballo Pose, manifestou que "un ano máis non contempla as medidas suficientes para mellorar as condicións laborais dos empregados públicos" e "non introduce a cantidade orzamentaria suficiente para crear prazas" necesarias da administración, así como recuperar "os dereitos" que se lles "quitaron" en reformas anteriores. "A lei de orzamentos segue profundando no desmantelamento dos servizos públicos", sinalou, en declaracións aos medios, na que fixou unha das peticións a xornada de 35 horas, para o que se necesita "máis persoal" para facer fronte.
SOS SANIDADE PÚBLICA
Pola súa banda, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, advertiu de que "se se deduce a inflación, todo o orzamento, tanto sanitario total como a de atención primaria, que está en situación dramática, non se incrementou, senón mesmo, decreceu". "Dada a situación dramática que atravesa a sanidade, estamos condenados a manter a situación de precariedade e de desmantelamento que están a padecer todos os galegos. Calquera persoa que acuda a un centro de saúde vaise a atopar moi serias dificultades, con listas de espera que nalgúns casos superan o mes", advertiu.SOS Sanidade Pública recibiu o apoio de todas as organizacións de esquerda, tanto o parlamentarias (BNG e PSdeG), como as que non teñen representación no Pazo do Hórreo, coa presenza do portavoz de Sumar, Paulo Carlos López, e o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón.