A cineasta uruguaia afincada en Galicia Manane Rodríguez analiza o caso do asasinato dun neno en Oza a mans de seu pai ocorrido hai cinco anos
02 jun 2022 . Actualizado a las 22:48 h.Otraballo de Manane Rodríguez, cineasta uruguaia afincada en Galicia, é notable. Algunhas das súas películas de ficción cóntanse entre o máis comprometido e honrado da produción estatal, especialmente Retrato de mujer con hombre al fondo, que levaba unha fermosa e interiorizada interpretación de Paulina Gálvez. Ademais, as dúas longas que Manane dirixiu desde Galicia, Un conto para Olivia —tamén con Gálvez, marabillosa na súa tenrura— e Migas de pan, merecen estar en postos privilexiados do noso cinema.
O labor de Manane como documentalista, aínda máis calado e descoñecido, é realmente valente e combativo. Lembramos en particular Memorias rotas, unha poderosa reconstrucción da loita e martirio do Batallón Galicia en 1937, no Alto do Acebo, en A Fonsagrada.
Agora, sen balbordos mediáticos, sen publicidade, a cineasta regresa ás pantallas cunha nova produción de Xamalú —empresa compartida co ourensán Xavier Bermúdez—, tan irredutible, tan exposta como é habitual nela. Onde máis doe mergúllase cunha austeridade voluntariamente espartana na violencia de xénero, resultando un documental imprescindible sobre ese horror inaceptable nunha sociedade civilizada. Manane Rodríguez analiza o caso do asasinato dun neno en Oza, sucedido hai cinco anos; un feito espantoso de violencia vicaria que o pai cometeu para vingarse da nai, facéndoo, precisamente, «onde máis doe».
A reconstrucción dos feitos é, como dixemos, intencionadamente seca, implacable, fuxindo de calquera cousa que poida despistar ao espectador. Manane retrocede tres días antes do homicidio, analizando a fría premeditación do asasino: «Hai que desterrar a idea de que quen mata ao seu fillo é un tolo», di alguén. «Os homes matan por convicción, como nunha guerra».
Aínda esquivando preciosismos, hai secuencias dun valor simbólico sobresaínte: a procura do neno na noite, baixo a luz das lanternas dos veciños, coma se levasen candeas nunha traxedia clásica; o silencio do bosque onde o rapaz foi asasinado, devorado pola néboa; ou a escena de Medea en Corinto interpretada por Saamira Ganay.
Entre o ano 2013 e o 2021, 44 nenos morreron asasinados polo pai. Vemos os seus rostros borrados e escoitamos: «O masculino é o que permanece».
«ONDE MÁIS DOE»
Galicia, 2021.
Directora: Manane Rodríguez.
Produción executiva: Xavier Bermúdez.
Música: Nani García.
Montaxe: Vanessa G. Sampedro.
Documental.
62 minutos.