Saltar ao contido principal

Alonso Montero, a memoria prodixiosa Malores Villanueva MALORES VILLANUEVA

 



O 28 de novembro, o escritor e académico cumprirá 95 anos traballando, iso si, cunha gravata ou unha bufanda vermella ao pescozo

17 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Alonso Montero celebra o 28 de novembro os seus primeiros 95 anos e faino cunha prodixiosa memoria. Por unha banda, atesoura as vivencias dunha vida de entrega á cultura e á lingua propias, pola outra, está a súa erudición, as súas lecturas e os moitos anos de investigación. Hai só unhas semanas presentaba en Vigo unha obra moi especial, Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía, unha débeda que tiña coa súa muller, a investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, pois a súa prematura morte impediu que dese cabo a este traballo.

Na outonía de 1928 nacía o pequeno Suso na taberna El Recreo, na rúa viguesa de Urzaiz, onde seus pais puxeran aquel negocio para prosperar e xuntar uns cartos cos que mercar no Ribeiro terras que desen para manter a familia. Con todo, o regreso á aldea precipitouno a guerra, pois aínda que seu pai non manifestara interese pola política, agochara a un socialista na súa casa e aquilo fora suficiente para que o prendesen durante oito meses. Cando obtivo a liberdade, axilizou o traspaso da taberna e regresaron a Ventosela, era o primeiro de ano de 1938 e o Suso contaba con nove anos.

Naquela paisaxe medrou, decatándose axiña de que os pobres calzaban zocos e tiñan o pantalón remendado, pero non só, tamén falaban galego, coma seus pais, aínda que cando se dirixían aos fillos empregasen o castelán, pois educábanos para señoritos. Certo é que o pequeno Suso non tardou en se mimetizar cos outros rapaces, pois alí era o fillo dun labrador, un neno como os demais que botaba o gando, ía ás piñas ou carrexaba monllos de herba.

Fillo de campesiños

En 1948 marchou a Madrid para estudar Filoloxía Románica, foi un estudante serodio, como tantos fillos de campesiños, pero tamén un privilexiado, pois outros non gozaron desa oportunidade. Atrás quedaba o Suso que despachara no mostrador da taberna familiar e tamén aquel que andaba aos niños, agatuñaba as árbores, facía xoguetes de madeira ou interpretaba o son da campá. Con el levaba o acervo daquela infancia: os nomes dos paxaros, das herbas, dos traballos estacionais, aquela lingua acariñada polo Miño.Na universidade franquista, Rafael Lapesa e Dámaso Alonso destacaban polo seu maxisterio, eran dos poucos profesores aos que admirar. Fóra das aulas atopou a guía de Ben-Cho-Shey, Xosé Ramón Fernández-Oxea, un galeguista íntegro e xeneroso que lle abriu a súa casa e a súa biblioteca, alí descubriu outra literatura, a que non se impartía en ningunha universidade; para entón aquel estudante universitario non tiña de seu ningún libro en galego. En Madrid foi desbotando os prexuízos lingüísticos e adquirindo coñecementos e compromisos.

Realizou a súa tese de doutoramento sobre Curros Enríquez e aprobou axiña as oposicións. Como docente exerceu en Vigo, Lugo e Compostela, mais o seu labor sempre transcendeu as aulas e cóntanse por ducias os seus discípulos, aqueles que descubrían un país que ocultaban as tebras do fascismo. Aínda sendo tempos difíciles, afiliouse en 1962 ao PCE, unha militancia ininterrompida que o converterá no presidente da III República, como lle gusta dicir. Mentres chega ese momento, segue incansable impartindo conferencias, presentando libros, facendo prólogos, investigando ou escribindo a columna semanal nestas mesmas páxinas. O certo é que o xubilaron como catedrático da USC, «cando comezaba a saber algo», pero non minguou a súa actividade, incluso desempeñou a presidencia da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.

Poucas persoas hai que manexen os recursos da declamación como Alonso Montero. A súa voz segue firme, tanto como as súas crenzas, aínda que confese ser «ateo grazas a Deus». No seu caso, o seu reino é deste mundo, é o daquela xente pobre que coñeceu en Ventosela, o daqueles tíos que tiveron que emigrar a Buenos Aires e que puido coñecer cando cruzou o Atlántico, o da xente traballadora da terra, coma seu pai.

Don Xesús cultivou a palabra, sachou sen descanso nas leiras da filoloxía galega que estaban a barbeito e ségueo a facer. De seguro celebrará o seu aniversario traballando, iso si cunha gravata ou unha bufanda vermella ao pescozo, e dirá «de hoxe nun ano», como aprendeu na súa Ventosela natal. Parabéns don Xesús, amigo, mestre, camarada!