Saltar ao contido principal

'O corno' rompe unha nova barreira para o galego gañando a Cuncha de Ouro do Zinemaldia

 

A película O corno, de Jaione Camborda, foi a galardoada este sábado coa Cuncha de Ouro da 71 edición do Festival de San Sebastián (Zinemaldia), máximo premio concedido neste certame de clase A —un dos únicos 15 no mundo—, nunha edición na que se reivindicou o cinema e a cultura arxentina. O corno torna así na primeira cinta rodada en lingua galega en obter esta distinción. A gala de clausura da 71ª edición do Festival Internacional de Cinema de Donostia, da mesma forma que a de inauguración e a do Premio Donostia a Víctor Erice, estiveron dirixidas pola actriz, directora e guionista Mireia Gabilondo e guionizadas polo escritor e crítico Bob Pop. As actrices Eva Hache e Loreto Mauleón presentaron o evento de feche que se desenvolveu no Pazo de Congresos Kursaal de Donostia (Euskadi) desde as 21 horas.

A donostiarra Jaione Camborda agradeceu a quen financiaron a película, xa que "non é fácil financiar un proxecto de autor", e lembrou "as e os referentes, que abriron camiño". "A diversidade enriquécenos e fainos máis libres", sinalou, tras o que compartiu o premio con "todas esas cineastas que están por vir e serán referentes para as seguintes".

O Premio especial do xurado foi para Kalak, da sueca Isabella Eklöf. A categoría de mellor intérprete foi 'ex aequo' para o actor xaponés Tatsuya Fuji polo seu papel no filme Great absence, de Kei Chika-Ura, e para Marcelo Subiotto polo seu papel en Puan, de María Alché e Benjamín Naishtat. Fuji deu as "grazas" ao cinema en xaponés, inglés, castelán e euskara. Subiotto non puido acudir a recoller o premio ao estar actualmente rodando, pero leu un texto seu de agradecemento Alché.Mentres, as cineastas taiwanesas Wang Ping-Wen e Yu Yi-Hsun foron galardoadas coa Cuncha de Prata á Mellor dirección por Chung xing/A journey in spring (Unha viaxe na primavera). Ping-Wen sinalou que fixo esta película "para quen ama o cinema". Ademais, dedicou o premio á súa familia e a Taiwan por facerlle medrar. Yi-Hsun agradeceu ao Festival de Donostia que abrise "as súas portas a esta opera prima que axunta os esforzos de moita xente e reflicte un lugar no mundo".

A Cuncha de Prata, a entregada a Mellor interpretación de repartición, recaeu sobre Hovik Keuchkerian polo seu papel en Un amor, de Isabel Coixet. O actor puxo en valor o traballo en equipo e sinalou que neste premio está todo o de Un amor. "Todo equipo necesita un anaco de adestrador no que apoiarse, ao que preguntar, no que refuxiarse, e ese adestrador é Coixet", sinalou, para destacar, a continuación, a súa "valentía", a súa "coraxe" e "enerxía". "Parécesme unha crack absoluta", engadiu. A película gañou o premio especial do xurado.O premio ao Mellor guión foi tamén para Puan, e María Alché agradeceullo a todos os que fan posíbel o cinema, que "é unha arte colectiva", e Benjamín Naishtat sinalou que "ningún outro lugar do mundo dá tanto amor como Donosti". Ambos os dous dedicaron a película "aos docentes que nos ensinaron a escribir e pensar na educación pública de Arxentina".

O galardón á Mellor fotografía recaeu en Nadim Carlsen por Kalak. Aos premios xa contados sumáronse os de Horizontes Latinos para O Castelo, do arxentino Martin Benchimol, que alertou da "ameaza do neofascismo" en Arxentina, con "xente que cre que todo pode ser un negocio, incluso a venda de órganos". "Ímolo dar todo para que iso non suceda, aguanta Arxentina", alegou.