Desde a A.C. FUCO BUXÁN vimos constatando un feito -xa notorio- e que afecta a un colectivo de persoas na súa maioría vulnerables (mulleres, de certa idade e con recursos modestos): As solicitudes de recoñecemento das súas pensións de viuvez non son atendidas, en non poucas ocasións, polo INSS nun prazo razoable de tempo o que conleva a que, carecendo duns ingresos que legalmente lles corresponden, durante meses ven silenciosamente enfrontadas a unha realidade moi complicada.
A tramitación retárdase especialmente cando o dereito deriva dunha enfermidade profesional. Temos un caso, un exemplo, próximo e constatable en Dona María Pilar Otero, viúva do veterano dirixente político e sindical Rafael Pillado -cofundador da nosa Asociación- falecido no pasado mes de febreiro por mor dun MESOTELIOMA PLEURAL contraído pola exposición ao amianto nos estaleiros. Iniciados os trámites no seu momento coa documentación precisa e transcorridos xa oito meses, Dona María Pilar Otero non percibe pensión de viuvez algunha. Ante esta falta de resposta presentou, no mes de xuño, a pertinente reclamación ante o INSS que tampouco foi atendida. Este é un caso entre moitos dunha comarca con miles de afectados/as que polo seu traballo manipulaban o asbesto e os seus derivados ou, polas súas circunstancias, estaban expostos sen máis. Con todos e con todas solidarizámonos e a todos/as queremos facer chegar o noso apoio inequívoco como asociación.
Por todo iso e na parte que nos corresponde, trasladamos esta denuncia á opinión pública a fin de dar a coñecer esta dura realidade e, máis aló da vontade testemuñal, é a nosa obrigación instar as forzas políticas e autoridades concernidas a que tomen, con urxencia, as medidas oportunas para dotar de medios humanos e materiais suficientes aos organismos correspondentes e resolver este grave problema. Consideramos unha esixencia democrática mínima, un acto de xustiza, o que o Goberno dun Estado que se define como Social, atenda con exactitude e puntualidade as satisfacción dos dereitos máis básicos da cidadanía.