Saltar ao contido principal

Ana Jesús López | “Analizamos agora o risco de traballar cunhas rochas moi peculiares, as serpentinitas”

 

Doutora en Física, profesora titular da Universidade da Coruña e investigadora do seu Grupo de Aplicacións Industriais, Ana Jesús López –Pobra de Brollón, 1965– é tamén desde hai unhas semanas membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Cabo Ortegal, un órgano integrado por expertos en eidos tan diversos como a xeoloxía, a antropoloxía ou o patrimonio cultural que ten como obxectivo principal contribuír á investigación científica en distintas áreas e definir estratexias para avanzar no desenvolvemento dos aspectos científicos do xeoparque.Constituído o comité científico, cales son os obxectivos que se marcan agora? 

Un xeoparque, definido como un territorio cun patrimonio moi importante e que aporta moita información sobre a historia xeolóxica do noso planeta, é moito máis que iso e, nese sentido, debe xestionar o territorio para alcanzar un desenvolvemento sostible e mellorar a vida das persoas que o habitan. O turismo responsable e respectuoso, polo tanto, é unha parte moi interesante dese labor de divulgación que tamén nos corresponde, pero non é a única. Hai moito máis.

 

No seu caso, cal vai ser a súa contribución?
Formo parte do comité a título individual porque polo meu traballo científico na UDC tiven contacto co patrimonio do xeoparque e, de feito, o meu grupo de investigación, ao que pertencen tamén persoas da Uvigo e Universidad de Salamanca está desenvolvendo un estudio relacionado coas serpentinitas do Cabo Ortegal.

 

Cre que, malia os grandes esforzos que se teñen feito desde que comezou este proceso, o xeoparque é aínda un descoñecido? 
É un recurso que non é moi coñecido e o importante é aumentar o noso coñecemento sobre el e divulgalo, pero sempre desde un punto de vista sostible, e iso significa que non hai que fomentar só o turismo, senón os diferentes aspectos socioeconómicos do territorio. É descoñecido, pero é un xeoparque da Unesco e o comité xestor, avalado polo comité cientítico, irá definindo aspectos como a divulgación.

 

Cal é o proxecto que está realizando co Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser? 
Temos un proxecto de investigación concedido polo Ministerio para desenvolver un sistema asistido por robot para a limpeza láser de obras do patrimonio construído. Levamos moitos anos traballando nisto, pero ata hai moi pouco nos dedicamos ao granito, pois é a rocha de Galicia por excelencia. Agora ampliamos a outros tipos de rochas que, aínda que minoritarias, están presentes no noso patrimonio, como as serpentinitas. En Italia son moi utilizadas como rochas ornamentais en moitos monumentos. Que teñen de especial? Que poden ser perigosas para as persoas que están en contacto con elas, tanto nas canteiras como noutros traballos, porque teñen asbestos. E por iso quen é susceptible de respirar ese po ten que utilizar unhas medidas de seguridade específicas. Pois ben, en colaboración cunha investigadora da Universidad de Salamanca e cun profesor da Universidade de Calabria publicamos un artigo sobre a análise do po que se produce cando facemos incidir en condicións extremas os láseres sobre as serpentinitas. Nese caso eran italianas.

 

Tamén están analizando as serpentinitas de aquí, non si? 
A raíz do xeoparque decidimos analizar as de Cabo Ortegal. Conseguimos financiamento da Deputación para facer un pequeno estudo no que participamos a catedrática de Salamanca Dolores Pereira, a profesora da Escola de Minas e Enerxía da Uvigo Teresa Rivas, o catedrático de Enxeñaría Mecánica Alberto Ramil e mais eu. Levamos a cabo unha pequena análise preliminar de caracterización, a primeira que se fai, de serpentinitas de Cabo Ortegal. Collemos mostras de varias canteiras que están bastante abandonadas e comparámolas. Para poder avanzar temos que utilizar técnicas máis precisas para detectar a cantidade de asbestos.

 

E teñen algunha conclusión que poida adiantar? 
As serpentinitas sofren unha serie de transformacións e gran parte das que hai aquí xa están transformadas en talcocitas, algo moi brando. Estámolo analizando. Polo de agora só temos unha serie de datos da composición das mostras que obtivemos de varios lugares concretos de Moeche, As Somozas, etc. En breve publicaremos os resultados, pero unha das conclusións que sacamos é que se necesita seguir investigando máis e requírese tomar máis mostras para profundizar no estudo.