Estará dispoñíbel no horario de apertura do museo
A etnomusicóloga depositou no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego, do que era Patroa de Honra, as cintas orixinais das súas recollas por todo o longo e ancho do país galego. Tamén deixou na entidade as súas libretas de campo, as súas notas, as súas fotografías, os relatos das viaxes e as xentes que ela coñeceu, visitou e volveu visitar na busca dunha achega profunda ao noso modo de facer música, de cantar, de vivir...
Pero, sobre todo, sinala desde o Museo do Pobo Galego Concha Losada Vázquez, coordinadora do APOI e presidenta do Padroado do museo, “deixounos o seu exemplo de traballo, aquí a pé de nós, de tesón, de amor pola nosa música e pola Galiza”..
En agradecemento ao traballo desenvolvido pola etnomusicóloga, desde este sábado, 9 de setembro, na entrada do museo estará dispoñíbel un libro de condolencias na memoria da Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, Dorothé Schubarth, “todo un exemplo de traballo, de tesón e de amor polo noso patrimonio musical tradicional”.
Esperamos que todas as xentes da música da Galiza, todas as persoas que gozastes e gozades do seu legado e que o apreciades, poidades deixar as vosas mensaxes”
“Esperamos que todas as xentes da música da Galiza, todas as persoas que gozastes e gozades do seu legado e que o apreciades, poidades deixar as vosas mensaxes”, expresa Losada nun comunicado. O libro de condolencias estará accesíbel en horario de apertura do museo durante estes días, completándose ademais cun enderezo de correo, apoi@museodopobo.gal, onde recibirán as mensaxes de quen non poida acercarse fisicamente a deixalas.
O APOI compilará finalmente os documentos recibidos e fará público o conxunto para, entre todas e todos, “facer posíbel unha homenaxe que Dorothé merece tanto”.