Saltar ao contido principal

A onde imos parar? De Xoan Rubia

Non, non vou incidir no certo desasosego que provoca o ballón batendo contra a orela da nosa democracia porque benvidas sexan estas ondas se ao final nos levan a acadar solucións aos problemas que nos abafan. Nisto consiste a democrácia.  É preciso defender a diversidade fronte aos que pretenden a unidade forzosa e “absoluta”. Pero non quero hoxe entrar neste xardín que tempo haberá. Hoxe desexo amosar a miña preocupación diante doutro tema de alcance global:  o cambio climático, un asunto controvertido porque por aí andan os negacionistas de quenda dicíndolle á peña que no se deixen enganar pola falsa nova de que imos a un desastre sen remisión. Unha cousa parece evidente: Estamos asentados nun planeta que nos é persoal e intransferíble: é o fogar que temos e non temos outro. Todo o que fagamos mal no seu coidado irá na dirección de estragar o noso habitat e como consecuencia directa diso a poñer en perigo a nosa própia esistencia. Pode que isto soe a apocalíptico pero imos nesa dirección. Os nosos bisavós quizá lembraron unha vaga de calor en toda a súa vida. Arestora estamos a pasar dúas ou tres ao ano. A qué é debido? Agás os negacionistas de quenda ninguén discute que a causa está na incidencia negativa que os seres humanos exercemos sobre a Natureza. O mesmo ten que ver o noso actual xeito de vida que nos leva a pensar aquilo de que ande eu quente, ríase a xente ou ao que veña detrás que arree e algúns pensarán que a consecuencia dos males que padecemos é o imposto que temos que pagar por viviren como vivimos. As consecuencias de todo este desleixo xa as estamos vivindo en certa medida e os gobernos dos países máis industrializados e adaíles do “progreso” pouco ou nada están facendo para corrixir, aínda que sexa un pouco, esta desaforada carreira cara ao desastre. Arestora visitan as nosas rías cetáceos que outrora nin de lonxe se esperaban. ¿Quen lembra avistamentos de orcas na ría de Arousa, por exemplo? Segundo din os expertos débese ao aumento da temperatura  da auga do mar  provocada polo cámbio climático. As consecuencias xa as estamos a notar e todo apunta que irán en aumento. Ar frío en altura en contacto con ar quente na superficie da lugar a unha tormenta perfecta. Xa está pasando. Dixo unha vez Octavio Paz que o Sol rematará coa Terra e pode que tivese razón, pero non cabe dúbida que de ser así o Sol ten uns aliados perfectos, eses que lles importa un comino todo isto do cambio climático provocado polo ataque fronta a Natureza que o ser humano está a levar a cabo, pero miramos para outro lado porque a medición do tempo cósmico escapa dos nosos cálculos e concluímos en que todo isto non vai connosco. Somos un grao de area na inmensa praia do Universo. Se algún día desaparecemos ao Universo lle vai importar ben pouco, tan pouco como semella importarnos a nós.