O simbólico di moito de nós. Unha palabra de cinco letras pode iniciar unha revolución ou desencadear fortes polémicas neste agosto de política e calor. Tetas: órganos glandulares dos mamíferos. Tetas. Unha palabra de cinco letras que ao introducila no computador remite a páxinas pornográficas onde aparecen en todas as versións de tamaños e formas, versións pensadas non para a saúde dunha parte do corpo, senón para un ollo masculino.
Tetas. As que foron miles de veces pintadas en múltiples espidos femininos e expostas polos museos do mundo. Tetas. As que os rancios din que poden máis que dúas carretas, as que pechaban xornais deportivos na miña infancia. Tetas, as que escandalizan e abren fíos de discusión, cando son as súas donas as que deciden onde e cando deixalas ao descuberto.
O torso masculino espido é símbolo de poder e valentía. O das mulleres é fonte de polémica. A produción simbólica sobre as tetas é tan antiga e poderosa que condensa os seculares mandatos de xénero. Un peito ao descuberto nunha imaxe con neno pode ser a pureza de María e o seu amor de nai. Os de Eva lévanos ao pecado orixinal que portamos. Os dunha bruxa espida a forza antes de ser queimada, sinala a desorde social que provoca o saber das mulleres. O topless da miña mocidade era irreverente e unha marca de liberdade. Os peitos das Femen un desafío ao patriarcado. Poderíamos escribir varios artigos analizando a carga simbólica que a nosa cultura depositou sobre os nosos órganos glandulares de mamíferas e iso non respondería a nosa dúbida principal.
Cal é a natureza subversiva de ensinar as tetas hoxe? De practicar topless en praias cada vez máis intolerantes? De quitar a camiseta nun concerto? Por que molestan tanto? Que é o que molesta? Seméllame que o incómodo é a decisión das mulleres que o fan. Molesta que o fagan por elas e para elas. Molesta que se transforme noutro símbolo. O das mulleres libres. Das mulleres que non se espín para ninguén. Das que seguindo a Hustvedt miran aos homes que miran as mulleres. A vaga fascista que percorre o mundo interpélanos a todas. A acción de Eva Amaral no escenario desencadeou de novo a polémica. Bravo por ela. Por poñer o corpo e as palabras.
Cando a vin en redes pensei en Emily Davison. Non sei porque lembroume aquela sentenza sufraxista que reza na súa tumba “Feitos, non palabras”. Frase coa que as mulleres demandaban que non lles deran máis discursos sobre o seu valor para a sociedade e se lle concedera o voto como dereito lexítimo. Emily Davisone morreu no verán de 1913 despois de que un cabalo a golpeara no Derby de Epsom mentres reclamaba o voto para as mulleres. Poucas veces se cita nos libros de texto. Hai revolucións que só se escriben nas notas a pe de páxina.Segundo as análises sociolóxicas, as mulleres no 23 de xullo inclinaron o resultado electoral do lado da esquerda. Un dato para unha reflexión pausada. Un feito pouco comentado para o determinante que resultou ser na última semana de campaña. Feitos, non palabras. Iso é o que molesta.