O aumento da poboación nalgunhas zonas da Galiza, como consecuencia do chegada de turistas e o reencontro familiar procedente da emigración, está a complicar a situación da sanidade pública. Nos municipios de costa nótase máis esta realidade. Para o médico especialista de atención primaria de Outes, Xosé María Dios, a maneira de actuar do Sergas nos veráns agrava o problema.
A situación da sanidade pública agrávase no verán
Menos persoal médico para máis poboación. A xestión de recursos humanos da Consellaría de Sanidade durante o verán provoca o aumento das listas de agarda e a sobrecarga das urxencias
nos hospitais.
“Se falta pediatra en Muros mandan o de Outes, que queda sen el, e así co resto de centros”, explica a Nós Diario este profesional que coñece ben as comarcas de Muros e Noia. Ademais, “non hai médicos que queiran traballar nestas condicións laborais, mais tamén acontece coas enfermeiras, e hai moitas no desemprego”, asegura.
Sobre este último tema, Manuel Moreira (CIG-Saúde) alerta a Nós Diario de que a falta de persoal "irá a peor nos vindeiros meses e complicarase coa tendencia de recursos humanos da Consellaría de Sanidade de facer contratos curtos". Unha situación semellante sucede en Marín, no Morrazo, unha comarca que aumenta de poboación estes días.