Saltar ao contido principal

AUGA ,Xoán Rubia

 

Auga

  

Quizá sexa o ben máis prezado do que dispón a humanidade neste planeta mal chamado Terra. Somos fillos da auga e sin ela non existiríamos: un 60% do corpo humano está composto de auga. Polo miúdo non reparamos nisto porque é cousa que nos ven dada por natureza, pero  conviría non esquecelo para saber o que temos entre mans. Digo isto pola concurrencia de feitos que apuntan a que estamos a facer unha mala, moi mala xestión da auga dentro dun desleixo total pola conservación da natureza atacada directamente polo ser humano ao que non parece interesar as terribles consecuencias que esta carrexando o seu irresponsable comportamento ao repercutir dun xeito moi negativo no cambio climático. Isto parece que xa ninguén o cuestiona, agás eses que pensan que a Terra é plana ou que a Lúa é un cromo que está posto aí enriba, e dicir: os cortiños de molleira.
 

En Galicia chove, pero chove menos do que debería chover: no resto do pais xa sabemos como anda a pluviometría, e o asunto das nubes cargadas de auga ten moito que ver co que pasa por aquí abaixo onde imos camiño da desertización Esas xuntanzas que organizan os paises influíntes co gallo de falaren da contaminación e polo tanto  do cámbio climático, son máis unhas convocatorias turísticas – esta vez en Exipto-  porque ao final nada solucionan, e un tema tan sério non se pode deixar ao libre albedrío. Hai que tomar decisións e non se toman agás algunha recomendación que queda para o sarao seguinte. E o peor ven sendo que individualmente pouco facemos tamén. Teño un amigo canario que collía uns rebotes monumentais ao ver un grifo aberto cando debía estar a chave pechada, e era debido a que nas illas atlánticas a auga era e é un ben moi prezado pola súa escaseza. Claro que resulta unha bufonada preocuparse da auga desperdiciada por un pingar dun grifo cando estamos pensando encher as nosas piscinas para a tempada que se aveciña ou en regar os campos de golf mentres no rural, no campo, hai dificultades de ragadío.
 

A Terra é un elemento con vida própia e se non facemos mediciña preventiva entrará en fase de achaques permanentes cousa que xa está sucedendo porque perdeuse xa moito tempo. Temos que coidar en sério ao paciente porque pode que cheguemos tarde tal como imos. 
 

Queimamos os montes, facemos mala xestión da auga e somos insolidarios cos que non  a teñen, contaminamos o indecíbel, vivimos o intre preciso sen pensar no que pode vir, e o que pode vir  quizá sexa o principio do fin da humanidade, pero que nos importa se non o veremos?. Si, soa a catástrofismo pero...
 

O caso é que cando chove e se enchen os pantanos, abrimos comportas e vaciamos auga a oito metros cúbicos por segundo que se van polo mar abaixo e logo volta a empezar coas lamentacións. O tema é máis preocupante do que parece.