Saltar ao contido principal

ADHESIONES A :fucobuxan@gmail.com

 A Asociación Cultural Fuco Buxán, a Asociación Cultural Memoria Histórica

Democrática, a Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) e a

Asociación de Veciños de Caranza, xunto coas outras asociacións i entidades que

subscriben, solicitan do Concello de Ferrol o cambio de nome da vía pública de

Caranza “AVENIDA DO MAR” polo de “AVENIDA DO MAR RAFAEL

PILLADO”, a fin de recoñecer os méritos, virtudes e cualidades que a continuación

se expoñen.


Rafael Pillado Lista (1942-2023) in memoriam

Co pasamento de Rafael Pillado, Ferrolterra e Galicia perden un referente ético

sempre presente nas cuestións sindicais, políticas, veciñais e culturais, recoñecido

por quen o coñeceron máis alá da diversidade de posicións políticas. Enfrontado

sempre ás inxustizas fixo -en todo momento- causa común cos oprimidos dende

unha coherencia e condición humana exemplar.

De orixes moi humildes, fillo dunha familia perseguida pola ditadura franquista, é

un dos grandes nomes da loita obreira polas liberdades e a democracia. Incorporouse

con 15 anos á escola de aprendices da Empresa Nacional Bazán de Ferrol onde

transcorreu a súa vida laboral ata a súa xubilación; afiliado ao Partido Comunista

en 1960, iniciou un camiño de intensa militancia política clandestina ao amparo do

maxisterio social de Julio Aneiros i en compaña doutros históricos militantes

comunistas do estaleiro ferrolán. A súa capacidade de traballo, o seu interese pola

formación política e o seu voluntarismo militante fixo que a dirección comunista o

convocara como representante de Galicia ás reunións de cadros obreiros de toda

España en París onde, a mediados dos anos sesenta, deseñábase a estabilidade

organizativa das Comisiones Obreras e preparábanse las eleccións sindicais de 1966.

Rafael Pillado encabezaría a candidatura da Comisión Obreira de Bazán que

conseguiu unha rotunda vitoria sobre o verticalismo, sendo tamén clave nas

sucesivas loitas laborais que se desenrolaron no estaleiro contra o intento de despido

dos 1.200 traballadores da sección de Obras Civís, así como na coordinación das

mobilizacións nos conflitos de Pysbe, Peninsular Maderera ou MEGASA, durante os

anos sesenta e comezos dos setenta. Detido en varias ocasións e procesado polo

Tribunal de Orden Público, o papel dirixente naqueles conflitos incrementou o seu

prestixio social confirmando un liderado que pronto rebasaría o ámbito de

Ferrolterra para contribuír, dende o primeiro nivel organizativo, á consolidación das

CCOO e á creación do Partido Comunista de Galicia en 1968.

A comezos dos setenta, durante o estado de excepción, foi encarcerado

preventivamente e suspendido de cargos sindicais manténdose na dirección das

CCOO durante as mobilizacións e os paros en defensa do convenio de factoría que

reivindicaban os traballadores do estaleiro. A terrible represión coa que a ditadura


puxo fin ao conflito en marzo de 1972 levaríao a unha nova condena, xunto ao resto

da dirección das CCOO e do PCG, no proceso dos 23 de Ferrol e non recuperaría a

liberdade ata febreiro de 1976, sendo un dos últimos lideres do movemento

obreiro en España que saían dos cárceres franquistas.

Candidato ás eleccións lexislativas de 1977 y 1979, substituiría ao histórico Santiago

Álvarez como secretario xeral do PCG. A crise interna dos comunistas españois

provocou a fundación do Partido de los Trabajadores que -con posterioridade- se

integrou no PSOE como corrente organizada. Nos anos noventa e tras unha

lexislatura como edil no Concello de Ferrol cofundou a Asociación Cultural Fuco

Buxán e, dende este colectivo e como membro do Comité de Empresa da E.N.

Bazán, foi o primeiro que fixo unha denuncia pública sobre o uso masivo do

amianto -un material canceríxeno, denunciado como tal pola OMS dende 1987- que

dende os anos cincuenta causaba a morte de milleiros de operarios e das súas

mulleres. No 2004 impulsou a creación da Asociación Galega de Vítimas do

Amianto (AGAVIDA), ao tempo que seguía tecendo, laboriosamente, redes

solidarias. Formou parte do Comité Cidadán de Emerxencia para a Defensa da

Ría de Ferrol e, inscrito en Podemos, continuou defendendo o sentido de

solidariedade e unidade política da esquerda, os valores democráticos e o

compromiso para o progreso colectivo. Xa nos últimos anos, adicou especial

atención a reivindicar a Memoria como forma de estar no mundo para

transformalo. Durante o seu último ano, con todo o seu entusiasmo e voluntarismo

militante, foi motor dunha chea de actividades memorialistas que tiveron como

obxecto a conmemoración do Cincuenta aniversario dos dramáticos acontecementos

-xa mencionados- do dez de marzo del 72, a súa ampla dimensión política. En

xaneiro do 2022 fixo público que padecía un mesotelioma irreversible, que afrontou

con gran serenidade para alertar sobre unha lacra de clara dimensión social á vez que

denunciaba á Bazán (hoxe NAVANTIA) nun desigual combate do que sairía

vencedor. As instancias xudiciais déronlle a razón e, paralelamente, o Concello de

Ferrol e a cidadanía un último recoñecemento: a insignia de ouro da cidade “como

homenaxe á súa loita sindical e política en defensa das liberdades e do traballo

digno”, que recollería nun acto público, días antes do seu falecemento, nunha

despedida colectiva de concidadáns e compañeiros que perdemos ao incansable

militante de tódalas causas dignas de ser defendidas e do progreso humanizado que

antepuxo sempre todo o que une ás persoas: solidariedade, sentido unitario e -sobre

todo- o mutuo recoñecemento.

Queda o seu legado e tódolos espazos que axudou a construír. O seu exemplo vital

supón un valioso estímulo para mantelos activos nas loitas e inquedanzas

sociopolíticas para os que na brecha seguen, e seguirán, coma protagonistas do

século XXI e no día a día mantendo e defendendo o progreso, os valores que

defendeu Pillado e que son os de sempre.