Saltar ao contido principal

A loita do 10 de Marzo no Jofre: «Homenaxe aos desaparecidos»

 

A loita do 10 de Marzo no Jofre: «Homenaxe aos desaparecidos»

PATRICIA HERMIDAFERROL / LA VOZ

FERROL

Colectivo Opaí Teatro nos ensaios da obra  De Marzo a Marzo
Colectivo Opaí Teatro nos ensaios da obra De Marzo a Marzo JOSE PARDO

A obra de Opaí Teatro viaxa ao 72 co recordo de Pillado

03 mar 2023 . Actualizado a las 10:52 h.

Cando se celebrou a estrea da obra De Marzo a Marzo no Torrente Ballester, o público saía tan eufórico que aconteceu a seguinte anécdota. «Un coche quedouse atascado subindo pola rúa Hospital e co espíritu solidario da representación todos os presentes empuxaron o vehículo costa arriba, nun remate perfecto», explica Cristina Mariño. A directora desta peza dramática, que coescribiu con Carlos Castrillón Doce, celebra que este venres chegue con Opaí Teatro ao emblemático Jofre. Poderá verse ás 20.30 da tarde e relatará os acontecementos de 1972, «que marcaron a historia da cidade, nunha homenaxe aos desaparecidos». E levará impreso o recordo do desaparecido Rafael Pillado.

Aquel 10 de marzo de 1972, a policía franquista desfixo unha manifestación do naval a balazos causando a morte de Amador Rey e Daniel Niebla. «Eses feitos cambiaron todo no sentido de que axudaron a combatir a ditadura, e as mobilizacións contaxiáronse por toda Galicia empezando por Vigo», indica a directora da obra. De feito, esa xornada declarouse xa na democracia como Día da Clase Obreira Galega «porque marcou un antes e un despois non só como loita dos traballadores senón como cambio social a pesar da represión».