Despedimos hoxe unha vida cargada de dignidade, sustentada sobre os valores
da solidariedade e da xustiza social. Unha vida forxada no seo do Partido Comunista
ante a adversidade da ditadura e transformada despois, como bo alquimista, no ouro
da experiencia e na bondade dos seus sentimentos. Rafael foi un loitador incansábel
contra a inxustiza e a favor dos dereitos da clase obreira. A súa vida sérvenos a todos
de camiño, de exemplo e de espello no que mirarnos, el marcounos o camiño da
liberdade e del aprendimos a non dobregarnos fronte á mentira e á traizón.
Desde Fuco Buxán, a asociación cidadá, con carácter político e cultural, que
xunto con outros creou hai vintecinco anos, proxectou á cidade todas as súas
inquedanzas sociais e políticas e contribuíu a construír unha plataforma de debate,
incómoda moitas veces para os estamentos do poder, e a visibilizar moitos dos
problemas da nosa cidade cando non a procurarlles unha solución digna e intelixente.
Loitou desde o primeiro día contra a implantación de Reganosa dentro da Ría e
participou na formación do Comité de Emerxencia en defensa da biodiversidade e o
ecosistema da nosa contorna, denunciando a cacicada coa que o señor Tojeiro e o
señor Fraga obsequiaron á nosa cidade para vergoña de tódalas institucións do
poder, que agacharon as orellas ante semellante despropósito.
Loitou ata o final contra a asbestose, non só a súa, que lle provocaría a morte,
senón tamén contra a terríbel neglixencia empresarial dos que xa sabían o perigo que
o amianto supuña e que, aínda así, seguiron utilizándoo nas súas empresas,
ocasionado miles de mortes en tres decenas de anos. Ata o final dos seus días loitou
contra esta dura lacra e atinxiu que os tribunais recoñecesen a grave
responsabilidade da empresa no caso da Asbestose.
Dicimos hoxe o derradeiro adeus a Rafael Pillado Lista, un amigo ao que
sempre gardaremos na nosa memoria, como mestre e como persoa. Vivirá no noso
corazón mentres duremos e lembrarémolo na nosa memoria mentres vivamos. Os
que tivemos a sorte de coñecerte nunca te esqueceremos, Rafael.
Descanse en Paz