Saltar ao contido principal

O adeus a Rafael Pilllado

 

O adeus a Rafael Pillado, unha homenaxe á xeración que deitou a ditadura

O coche fúnebre, no cemiterio de Catabois | Emilio Cortizas
  

“Diante de nós, unha vida enteira para remar. Agora non temos medo, que veña o inverno, a nosa gamela capeará o temporal”. Son versos da canción “Estamos chegando ó mar”, do cantautor Bibiano, que o sábado soará na rampa do castelo de San Felipe por expreso desexo de Rafael Pillado, na despedida cívica organizada polos seus amigos e familiares. Será na beira do mar. O de San Felipe, onde xogaba de cativo e apañaba o marisco que atopaba para comer –o seu pai era pescador e tamén comunista, preso no castelo–; e o mar de ferro da ría, estaleiro no que traballou desde os 15 anos e que marcou a súa vida e a súa morte, vítima dun mesotelioma provocado pola exposición ao amianto, culpable de segar toda unha xeración de obreiros do naval. 
 

“Hoy las grúas y las calles se abrazan”, lía o poeta Carlos Valle “Karlotty”, no cemiterio de Catabois, ante centos de persoas –que houbera 100.000 pedía Xesús Alonso Montero, para que o seu sepelio fose como o de Pablo Iglesias ou coma o de Rosa Luxemburgo “porque iso daría a medida do que é para a sociedade un ser humano como Rafael Pillado”–. 
 

“Una bandada roja de manos clandestinas”, seguía o bardo, fornecen o recordo dunha persoa querida polos seus achegados, recoñecida pola súa militancia e compromiso desde todos os ámbitos e, á fin, símbolo tamén dun conxunto de homes e mulleres que xogaron a vida para que este país volvese vivir en democracia tras catro décadas de infamia. “La democracia no es el fruto de un regalo, costó mucho sudor y lágrimas y sobre todo muerte”, recordaba o seu irmán, Raúl Pillado. El tamén leu un poema, “Al fin te han matado”, dedicado “a todos los que sufrieron el mismo final por el amianto”. Nin as balas nin o cárcere puideron con Pillado, pero si o asbesto, lembraba, interrompido pola emoción e polos aplausos dos presentes.
 

Versos cheos de amor e forza foron tamén os de José Torregrosa, escritos en outubro, e que leu Fernando Ocampo, de Fuco Buxán.

 

 DSC0831 13575778
Raúl Pillado e, á esquerda, Xesús Alonso Montero | Emilio Cortizas

 

Todo o espectro político

A despedida de Rafael Pillado foi un regueiro de paraugas e chuvia, como tantas veces sucede nos grandes acontecementos deste país. Centos de persoas acudiron a Catabois, cheo desde moitos minutos antes da chegada dos restos mortais, procedentes do tanatorio San Lorenzo, onde na tarde do martes foi a incineración. 
 

A lista de personalidades políticas pasadas e actuais presentes é interminable. Abrazábanse o ex alcalde coruñés e ex embaixador no Vaticano Francisco Vázquez e o sindicalista nacionalista, represaliado no 72, Alfonso Tellado; o expresidente da Deputación Salvador Fernández Moreda e o seu vicepresidente, o naronés Pablo Villamar, con Manuel Couce Pereiro, ex alcalde socialista de Ferrol; Suso Díaz, ex secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia, con compañeiros de batallas, traballadores que se saudaban despois de tempo sen verse e se tomaban fotos de grupo porque non son xa fáciles os reencontros e só unha figura como Pillado pode chamar a tanta xente nunha fría mañá de finais de febreiro.
 

Representantes de todas as forzas políticas municipais, incluíndo ao alcalde, concelleiros e ex concelleiros e representantes, nun sentido amplo, do mundo cultural e social galego, quixeron estar presentes nunha despedida que se foi desenvolvendo nos últimos meses, ao tempo que se conmemoraba o 50 aniversario dos sucesos de marzo de 1972, nos que a policía franquista asasinou a Amador Rey e Daniel Niebla no barrio de Recimil, feriu a ducias de traballadores e acabou metendo no cárcere a 23 persoas, que foron xulgadas polo Tribunal de Orde Pública. Un deles foi Rafael Pillado, militante na causa antifranquista e na loita obreira desde novo. Nesa volta pasou catro anos na cadea, ata a amnistía para os presos por delitos políticos de agosto de 1976.
 

Xesús Alonso Montero puxo o énfase nesa militancia, no empuxe de persoas como Paco Filgueiras, Amor Deus, Paco Balón, Miramontes, Riobó, Loureiro Lugrís... baixo o maxisterio de Julio Aneiros. “Traballando na Bazán decatáronse de que as cousas non eran xustas e, ao mesmo tempo, de que non podía ser xusta ningunha empresa militar ou civil naquela España”. E loitaron para chegar a un país que é hoxe mellor, no que os rapaces de 15 anos xa non entran a traballar nos estaleiros antes de deixar de ser nenos. “Parece que naceron cantando o primeiro verso da Internacional, arriba os pobres do mundo”, sentenciou. “Non sei se vou ter no que me quede de vida un honor tan inmenso como ter que dicir unhas palabras ante un ser tan valioso”, empezaba o profesor, escritor, militante comunista moi vencellado a Ferrol e ex presidente da Real Academia Galega.

 

Rafael Pillado “estaba constituído pola madeira dos fortes, pola moral que teñen aqueles que cren nas causas nobres”, engadiu.
 

Memoria

Guillermo Ferrández, en representación da asociación Fuco Buxán, á que Pillado estivo vencellado e que lle editou as súas memorias, resaltou ese valor para loitar pola xustiza e a favor dos dereitos da clase obreira. “El marcounos o camiño da liberdade, ensinounos a non dobregarnos fronte á mentira e a traizón”. 

 

Repasou Ferrández algunhas das causas nas que se implicou nas últimas décadas, como incansable membro do comité cidadán contrario á planta de gas dentro da ría ou como temperán denunciante do dano que o amianto fixera aos traballadores do naval, cando os xuízos non se gañaban e semellaba unha loita imposible contra xigantes. 
 

“É un amigo ao que sempre gardaremos na nosa memoria, como mestre e como persoa. Vivirá no noso corazón”.
 

Con música de Víctor Jara pechouse o acto no cemiterio de Catabois pero haberá máis, empezando polo do sábado, ás 11.00 da mañá, na rampa do castelo. Alí volverán falar familiares e amigos e quen queira ter unhas palabras de recordo. Non será, de seguro, o único.