Máis dun centenar de alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º e 2º curso de Bacharelato do IES Fernando Esquío inauguraron esta mañá o programa “Educando en patrimonio e historia” que promove o Concello de #Neda. Un programa de visitas guiadas dirixido aos centros educativos do municipio que arrancaba na exposición fotográfica “A fuxida do Bou Ramón” que trae estes días á Casa das Palmeiras de Neda a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática. Alí, Fernando Ocampo, da entidade, actuou de guía para os 115 estudantes nedenses, repartidos en dous grupos, que participaron na iniciativa. Durante a visita, Ocampo repasou pormenorizadamente a historia dos 27 republicanos da comarca que fuxiron do porto de Ares neste barco pesqueiro o 21 de xullo de 1939 tras permanecer agochados nos montes e outros refuxios tratando de evitar a morte e na procura da liberdade.
