DECLARACIÓN DE APOIO AO RECOÑECEMENTO DO 12 DE XANEIRO COMO
DÍA DA MORTE DIGNA EN GALICIA
No 2023 cumpriranse 25 anos da morte de Ramón Sampedro, referente fundamental na loita
pola morte digna. Durante estes anos, cada 12 de xaneiro, promovido por familiares, amizades
e DMDG (asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia), veuse celebrando na praia das
Furnas (Xuño-Porto do Son) o acto no seu recordo e en defensa do dereito das persoas a
decidir libremente sobre a súa forma de morrer e a recibir axuda para elo (o dereito á
eutanasia).
En decembro de 2018, no vixésimo aniversario da súa morte, en declaración pública, DMDG fai
referencia a el como “paradigma da loita polo dereito a dispoñer da propia vida”, e por acordo
da súa Asemblea Xeral propón o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia.
En xaneiro de 2019 a Xunta de Voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias
(FEGAMP), mediante unha declaración institucional, manifestou o seu apoio á proposta de
DMDG para o recoñecemento do 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia, e propuxo
medidas para favorecer a expresión da vontade das persoas mediante as instrucións previas, a
información, e a coordinación institucional, salientando en especial a importancia das
actuacións “no mundo rural”.
Nestes 25 anos a sociedade avanzou na súa transformación, no recoñecemento da súa
pluralidade moral e na secularización da vida e a conciencia social, no desenvolvemento de
dereitos, na creación de recursos públicos, no funcionamento democrático das institucións, no
recoñecemento e respecto á autonomía das persoas, e nos recursos tecnolóxicos.
Eses progresos víronse reflectidos nas leis que recoñecen e protexen os dereitos das persoas
ante as necesidades propias da etapa final da vida. En particular, así se observa na Lei 5/2015
de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais da Comunidade
Autónoma de Galicia, que fai referencia na súa motivación a como a “...progresiva toma de
conciencia da propia autonomía das persoas e o desexo de tomar decisións relativas á súa
saúde, enfermidade e morte calou na conciencia colectiva”, e se expresa que “...o respecto á
liberdade da persoa e aos dereitos dos pacientes adquire unha especial relevancia no marco
das relacións asistenciais...”. Á súa vez, a Lei Orgánica 3/2021 de regulación da eutanasia,
asentada sobre “...a compatibilidade duns principios esenciais que son baseamento dos
dereitos das persoas...introduce no noso ordenamento xurídico un novo dereito individual
como é a eutanasia”, respondendo así, entre outras cousas, á demanda da sociedade actual,
aos cambios sociais antes citados, e ao “...debate que se aviva periodicamente por mor de
casos persoais que conmoven á opinión pública”, regulándose en consecuencia “o dereito das
persoas a solicitar a prestación de axuda para morrer” en determinadas situacións.
Atopámonos ao comenzo dunha nova etapa, na que a sociedade vai incorporando con
normalidade o novo dereito, e na que cómpre avanzar no recoñecemento de que “...a
naturalidade da morte e procurar a paz ao final da vida deben entenderse como elementos do
noso patrimonio institucional...”, tal como se recolle na citada Lei 5/2015.
Deben entón, como responsabilidade de toda a sociedade e moi especialmente das súas
institucións, promoverse as accións necesarias para avanzar na morte digna, que ten o seu
sustento no respecto á autonomía e liberdade das persoas, mediante: a atención ás súas
necesidades na etapa final da vida (en particular, o acceso a coidados paliativos), o coidado de
quen forman parte do seu mundo afectivo, a dotación dos recursos sociais e sanitarios para
prestar esas atencións, a sensibilización da sociedade, a formación, o coñecemento da
realidade actual de como ocorre a morte, a promoción do uso dos recursos previstos para a
expresión da vontade das persoas (testamento vital/instrucións previas), e a presenza pública
superadora do tabú a través da información e a acción artística e cultural.
Cómpre avanzar no respecto, atención e coidado ás persoas no seu morrer, para que o final da
vida sexa máis acorde coa súa normalidade e inevitabilidade, e menos cargado de temor,
escurantismo e sufrimento.
Compartindo ese obxectivo damos apoio á proposta de que o día 12 de xaneiro sexa
recoñecido como o Día da Morte Digna en Galicia, comprometémonos a contribuír á defensa e
protección da dignidade das persoas no final da vida, e solicitamos á Xunta de Galicia adopte
as medidas oportunas para tal fin.
En Galicia, xullo 2022