Saltar ao contido principal

Multitudinaria Manifestación en Defensa da Sanidade Pública en SOUTOMAIOR


 Entre berros de “Sanidade pública", “Rueda [presidente da Xunta] e Reguera [alcalde do PP en Soutomaior] á lista de espera", tivo lugar unha multitudinaria manifestación en Soutomaior, organizada polo BNG e que contou coa presenza de Manuel Lourenzo, candidato nacionalista á Alcaldía e deputado no Parlamento galego, e o tamén deputado do BNG, Luís Bará.

A protesta ía dirixida polos recortes que está a sufrir o centro de saúde do municipio, que segundo denuncian os nacionalistas, débense a "unha aposta pola sanidade privada a través do desmantelamento da pública". Non hai médicos, denuncian, "pola precariedade que hai no sector".

"Pretenden que nos resignemos, ir pouquiño a pouco, recorte tras recorte, para que nos vaiamos afacendo a unha situación que é absolutamente imposíbel aturar, é imposíbel que veñamos aquí con citas preconcedidas e que se nos diga que temos que dar volta", denunciou o candidato nacionalista.

"É inaturábel e inasumíbel que calquera dos que aquí estamos, calquera das nosas crianzas e calquera dos nosos maiores pida unha cita a través da aplicación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que a única solución que se nos dea é que teñamos cita para dentro de 15 días", afirmou Lourenzo.

Lourenzo afirmou que "o BNG vai defender a sanidade pública que merecemos, porque non imos parar até que se nos escoite na rúa, nas institucións e alá onde sexa necesario para que este centro de saúde no que hoxe nos convocamos deixe de ser un espazo de vergoña".