Saltar ao contido principal

Rafael Pillado Lista , OPINIÓN

          

Rafael Pillado Lista

Siro
SIROPUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

08 oct 2022 . Actualizado a las 09:33 h.

Coñezo a Rafael Pillado desde o ano 1957, cando entramos de aprendices en Bazán. Vémonos pouco, pero a nosa relación é cordialísima. A comezos de ano chameino por teléfono e, ao oílo falar con voz rexa, comenteille que debía de estar como un buxo porque eu perdín a voz ao enfermar. Riu e díxome: «A ver. Agora vou recoller o resultado dunhas probas». Pouco despois enviaba aos amigos un wasap no que dicía: «Estes días déronme a mala noticia de que padezo un cancro producido polo amianto. Un mesotelioma que limita o meu tempo de vida». Pedía que désemos a coñecer a súa situación e engadía: «Non quero que a miña enfermidade e a de tantos afectados sexa clandestina».

Nin enfermo de gravidade deixa de ser Pillado o home loitador e solidario que entrara nas mocidades do PCE con 18 anos e aos 32 substituíra a Santiago Álvarez na secretaría xeral do PCG. Por iso foi un dos creadores de Agavida (Asociación Galega de Vítimas do Amianto), para informar e defender as familias desorientadas e desvalidas ante a Administración, que as ignora, e as empresas, que as enganan ou tentan facelo.

No ano 1961, en Bazán modernizáronse os Audaces, buques de guerra obsoletos, e retirouse o amianto que como material illante forraba caldeiras, bombas e tubos de vapor e auga quente. Os traballadores —Rafael Pillado era un deles—, sen ningunha protección, remataban a xornada cubertos de po branco e nun ambiente de néboa. Despois, nas mesmas condicións, instalaron nova maquinaria e novos servizos de tubos forrados con amianto. O esperpéntico é que en 1961 a asbestose —o mal do amianto— xa era recoñecida como enfermidade profesional en España e limitárase regulamentariamente a concentración máxima de amianto en lugares de traballo. Por iso Rafael Pillado arremete no wasap contra a ditadura franquista, que non cumpría nin as leis que ditaba. Pero o mesmo pasou en democracia e os Gobernos do PSOE e do PP desoíron, por motivos económicos, aos neumólogos que desde 1984 pediron a retirada do amianto da industria española, que non se conseguiu ata o 2002.

E logo, como nas películas americanas en que as vítimas da contaminación provocada por grandes empresas deben enfrontarse a importantes despachos de avogados que as ningunean para ofrecerlles unha indemnización mínima, os afectados polo amianto en España teñen que aturar e superar as trécolas legais dos defensores das entidades demandadas. A Rafael Pillado, como se chovese. Home de conviccións fortes, afeito a peores inimigos, teimou ata gañar o preito a Navantia. Fíxoo por propia dignidade e por dar exemplo a outros enfermos. E así seguirá mentres lle quede un chisco de alento.