Saltar ao contido principal

AS COUSAS DO PODER

  

Os grandes saqueadores, os de sempre, coa connivencia dos gobernos, que pouco ou nada fan para impedilo, téñennos máis abrasados que nunca e non se albiscan trazas de que vaian cambiar de idea. Nin os uns nin os outros, fóra das catro pantomimas anunciadas como medidas estrela. Os gobernantes todos levan un tempo pedíndolle ao persoal que se conteña e procure aforrar gastos, medidas que eles non adoitan tomar. É por iso que me produciu malestar ver como -unha vez que pronunciou a súa alocución de despedida diante da residencia oficial do número 10 de Downing Street, iniciada co comentado “Well, this is it, friends”- o dimitido primeiro ministro británico, Boris Johnson, viaxou a Escocia, ao Castelo de Balmoral, para lle comunicar á raíña Isabel II, o cese no cargo que xa viña ocupando en funcións. Acto seguido, no mesmo escenario, sería recibida a súa sucesora Mary Elizabeth -Liz- Truss, que, obviamente, tamén tivera que viaxar ata a residencia de verán da raíña para o acto protocolario do seu nomeamento. Moito viaxe para algo que se podería, penso eu, doutro xeito máis económico, máxime nestes momentos de alto custo dos combustibles e de dar exemplo. Pero non. Hai parafernalias que non cesan.
 

E un par de días despois morreu a lonxeva soberana. E veña pompas fúnebres e idas e vindas que, como sempre, pagará ese pobo, ao que non fan máis que esquilmar, malia que digan que é soberano. Soberano para que? Para pouco, desde logo, a non ser para xerar chistes, contos, piadas..., ou como lles queiramos chamar, con maior ou menor inxenio, con máis ou menos graza, sobre a figura do novo rei, ese señor que, por arte de birlibirloque, vai ocupar un lugar que ningún outro ou outra mortal podería ocupar, levando o nome de Carlos III. Desde lle poñer orellas a unha garrafa dese coñecido brandy a consideralo de pouca calidade como esa bebida do seu nome ou a referirse á súa idade para comezar a traballar ou a cotizar... Non todo vai ser laiarse do complicado que se está poñendo vivir para a maioría da xente. A risa é imprescindible para contrarrestar. E, ademais dos chistes de base popular, hai actuacións que nos conducen a ela. Porque non me digan que non é para rir a cachón a declaración de tres días de loito oficial con bandeiras a media asta feita polo goberno madrileño do PP da señora Ayuso? Por varios motivos. Desde os legais, como atribuírse competencias que pertecen por lei ao goberno do Estado, ata os patrióticos. Ou non pertence Díaz Ayuso ao grupo de xente que reclama Xibraltar español? A defunta raíña non o era do penedo do sul peninsular?


En varios dos enterros católicos aos que teño acudido na miña vida teño reparado nas louvanzas que o oficiante lle dirixía ao defunto ou defunta, a unha persoa á que, era evidente, que non vira diante nunca. Xa que logo? Isto mesmo adoita acontecer cando morre alguén significado ou significada, como é o caso da raíña británica. A inmensa maioría da xente que fala dela faino en termos máis que eloxiosos. E iso é o que transmiten os medios que chegan á maioría da xente, os que crean ou pretenden crear opinión. Neles non imos escoitar cousas non bonitas sobre a señora falecida. Non imos recordar como, baixo o seu reinado, foron masacrados en Kenia os denominados Mau Mau, e como se agacharon os papeis comprometedores, as máis de 700 caixas de documentos secretos onde detalladamente se describen torturas e asasinatos. Nin saberemos da represión exercida, en tempos do seu reinado, noutros territorios coloniais británicos como Oman, Iemen ou Chipre. En fin. É o que hai.