Saltar ao contido principal

“O filme 10 de Marzo non é meramente didáctico, busca tamén emocionar”


 “10 de marzo”, data emblemática do movemento obreiro galego e da loita pola liberdade e os dereitos sociais na Galicia de final da ditadura, é tamén o título da longametraxe documental que levará á gran pantalla os tráxicos sucesos acontecidos aquel día de 1972 na cidade ferrolá.


Entón, dous traballadores de Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla eran asasinados por disparos da policía franquista cando marchaban en manifestación polas rúas da cidade en defensa de melloras no convenio estatal. Outro moitos resultaron feridos.  Estes feitos, que constituíron un paso adiante na loita pola democracia no conxunto do estado, determinaron o establecemento institucional desa data como “Día da clase obreira galega”.


Roi Cagiao (Vigo, 1978) dirixe a peza que ten prevista a súa estrea a finais do mes de outubro e que hai pouco máis dun mes rodou varias escenas no Concello de Ferrol. O salón de plenos transformouse por unhas horas na sede do “Tribunal del Orden Público” para a gravación dalgunhas das secuencias dramatizadas da cinta. O momento histórico reconstruído na casa consistorial ferrolá correspóndese concretamente co momento no que os principais líderes obreiros relacionados cos feitos foron xulgados en Madrid polo devandito tribunal, “institución franquista especializada na represión do movemento de oposición á ditadura durante os días un, dous e tres de xullo de 1975; coñecido como el ‘proceso de los 23’ por ser este o número de persoas procesadas”, salientan desde o equipo de produción.


Secuencias


A casa consistorial de Ferrol albergou tamén, noutros espacios, a rodaxe doutras secuencias como as das reunións do comité de empresa de negociación do convenio así como os momentos de tensión entre a plantilla e a dirección da factoría, “que derivarían finalmente na xornada tráxica do 10 de marzo”.


O documental, salienta o seu director, non está concibido como unha peza meramente didáctica, “senón que busca crear, a partir do tratamento rigoroso dos feitos, un relato vibrante capaz de emocionar e suxestionar ao espectador.


“É un documental con moitas subidas e baixadas, con moitas emocións”, engade. Para Ferrol, di, este traballo supón un “recoñecemento ao momento antifranquista que foi tan importante na cidade; e para o resto de Galicia é como unha débeda pendente, incluso para as novas xeracións, que vemos que descoñecen bastante os feitos”, apunta.


Para o seu director, a peza é tamén pedagóxica, “xa que os dereitos sociais e as liberdades non caen do ceo e este momento que estamos a sufrir é tamén en parte ao relaxamento do movemento social”, considera. Para o director vigués, o 10 de marzo é sinónimo de “heroísmo, de solidariedade” e ademais de constituir un feito importante da historia galega contemporánea, “tamén a nivel cinematográfico préstase moito o tema, porque ten elementos moi atractivos”.


O proxecto artéllase narrativamente sobre entrevistas, materiais de arquivo e dramatizacións. Inclúe así testemuños de figuras destacadas deste “fito da loita antifranquista galega” como Rafael Pillado, Sari Alabau, Suso Díaz e Fernando Miramontes, así como material de arquivo gráfico e audiovisual, destacando desde a produtora a inclusión de parte do arquivo audiovisual de Bazán (na actualidade Navantia) recentemente dixitalizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). “Este arquivo é unha pasada. Son horas e horas de cintas. Hai botaduras de barcos, exhibicións deportivas no estadio de Ferrol, imaxes da factoría desde os anos 50 ata os 80... é espectacular e nola cedeu Navantia, que é un dos colaboradores do proxecto”, explica o director do filme.


Conta tamén co patrocinio do Concello de Ferrol e do Sindicato Nacional de CCOO, así como coa participación da asociación cultural Fuco Buxán, Fundación 10 de Marzo, Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia e Witland centro de negocios.


Conta coa produción executiva de Emilio J. Fernández, guión de Roi Cagiao (tamén director) e Iñaki Varela, dirección de fotografía de Damián Varela, música de Iván Salgado, dirección artística de Isabel Fernández, son de Jorge Colado e asesoría histórica de José Gómez Alén e Víctor Santidrián.


Vigo


Cagiao e a produtora Arthur Gordon volven afondar así na historia social galega contemporánea con este novo filme lodo da gran acollida por parte do público ao documental “Vigo, 1972”, estreada en outubro de 2017, sobre a folga histórica acontecida en setembro dese ano na cidade olívica, seis meses despois dos sucesos ferroláns.


A peza foi finalista nos Premios Mestre Mateo en categoría Mellor Documental e seleccionada no festival Cineuropa e Festival Internacional Primavera do Cine 2018. “O proxecto inicial era facer un documental sobre o ano 1972 en Galicia que recollera tanto o 10 de marzo de Ferrol como a folga de Vigo, que ademais son dous feitos vinculados. Como vimos que isto era demasiado amplo para un único documental, comezamos facendo o de Vigo, que resultou moi ben en salas, nas que estivo durante sete semanas, esgotándose as entradas en moitas sesións. E como ese funcionou tan ben, decidimos completar con este novo proxecto o que foi ao ano 72 en Galicia”, conta o director. A cinta chegará así á pantalla no ano no que se cumpre o cincuenca aniversario duns feitos que claramente marcaron un antes e un despois para a sociedade galega na loita contra a ditadura.