Saltar ao contido principal

Acisclo Manzano, escultor: «Quero que os ourensáns teñan unha peza miña na súa casa»

 

O artista traballa nunha mostra sobre os eremitas de Rocas para o Centro Cultural Marcos Valcárcel

03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Acisclo Manzano (Ourense, 1940) ten ciscadas e amoreadas madeiras, anacos de árbores e táboas pola finca da súa casa de Viduedo. Ese pequeno caos ordenado está chamado a se converter, logo do diálogo co escultor, nas pezas que se incluirán na exposición Tocar e levar, unha mostra que o artista proxecta para celebrar os seus 90 anos e coa que vai homenaxear a Ourense e aos seus veciños. O obxectivo xa o ten anunciado en varias ocasións: «Quero que os ourensáns teñan unha peza miña na súa casa». Dende a súa casa-estudo segue a argallar proxectos, pezas e intervencións. Conta o que se pode saber e agocha aquilo que ten pendente de confirmación, non vaia ser que se torza polo camiño.


—Déronlle a medalla de ouro da provincia. Satisfeito?

—É o máis importante e o que máis valoro dos premios que me teñen dado. Por ser da miña provincia e porque foi a primeira vez que llo deron a alguén en vida. É como se debe facer. Está ben que te recoñezan e falen de ti cando morras, mais é mellor que a xente teña a oportunidade de ver recoñecido o seu traballo en vida.

—Vai facer pezas en madeira para agasallar. Volve a ela?

—Sigo traballando o barro, coma sempre, pero é certo que hai como un reencontro coa madeira. Fixen as ménsulas do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo e chámame traballar con ela para crear outros proxectos.

—Foi a compañeira orixinal.

—En 1960 fixen a primeira exposición. No Liceo, que daquela non había outro espazo para facelo. Eran todas as pezas en madeira.

—Ibiza marcou a súa carreira?

—Foi unha etapa moi importante e anos moi creativos. Cheguei en 1968 e pasaba o ano entre Ourense e Ibiza. Alí teñen un barro branco moi suave, moi fino, un material para tocar e gozar con el. O contacto con galeristas e críticos foi fundamental para expoñer o meu traballo en citas internacionais e para que pezas miñas rematasen en institucións ou coleccións privadas de lugares como Suíza, Berlín, Milán ou Nova York. Nas enciclopedias de Ibiza figuro como o escultor galego que representa a esencia artística da illa (ri).

—Artistiñas, Sete Artistas... como foron evolucionando?

—Daquela o ritmo de vida era doutro xeito. Traballabas e aínda tiñas tempo de ir á unha tomar un viño ao Tucho con Risco, ou andar logo polos faladoiros do Hotel Parque ou do Miño. Por alí andadan Conde Corbal, Virxilio, Baltar, López Cid, Tovar, Ernesto Gómez del Valle, Otero e moitos outros. Os Artistiñas foi como nos chamou Risco a Xaime Quessada, Xosé Luis de Dios e a min. Logo xa foi o do colectivo dos Sete Artistas, no que estabamos os tres e Buciños, Arturo Baltar, Virxilio e Pousa.

—Nos tempos duros as viaxes foron a liberdade e a formación?

—Sempre nos gustou viaxar para coñecer, compartir amizade e ver arte. A mellor foi o que fixemos durante tres meses ata Oriente Medio. Pasamos por Francia, Italia, Grecia, Turquía, Siria, Libano e Exipto. E á volta ata Barcelona en barco. Fomos Xaime, Buciños, De Dios, a Chusa —María Jesús Blanco—, Pousa e máis eu.

—Fálase de moitas influencias na súa obra. Cales recoñece?

—Fidias, Berruguete, Gregorio Hernández, Moure, o Mestre Mateo e Oteiza, ao que admirei e do que fun amigo.

—Quessada influíu na súa obra?

—Para nada. Eramos os mellores amigos. Foi un irmán para min. Deixoume en herdanza os seus inimigos (ri). Cando estaba ingresado, e xa moi maliño, chamaba de madrugada para encargame cousas. E vounas cumprindo.

—Traballa nalgún proxecto?

—Sempre teño cousas que facer. Eses que están na mesa —os que aparecen con el na imaxe— son os eremitas de San Pedro de Rocas e estarán nunha exposición que se poderá ver no Marcos Valcárcel —o edificio Simeón— cara a finais de ano. Teño dúas propostas en marcha pero non vou dicir nada ata que estea todo asinado... E non me preguntas polos cristos milagreiros?

—Por que o son?

—Botáronos das igrexas e sempre volven porque a xente tenlle cariño. Temiño está enterrado debaixo do Cristo que el mesmo fixera tirar da catedral. Comenteillo a Osoro, cando era bispo, un día que estiven alí con el.

«Asorey non quixo saber nada de min, derivoume a un axudante e este a outro axudante»

Acisclo Rogelio Manzano Freire ía comezar a traballar nunha xoiaría cando a enfermidade o enredou para convertelo en artista. Acredita que «de non ser escultor tería sido un bo orfebre». Aos 12 anos botou seis meses no hospital de Piñor, onde estaban os doentes de pulmón.

—Á arte pola enfermidade?

—Coas caixas de puros había xente que creaba marcos para fotos. E púxenme ao choio. Facíaos cunha coitela de afeitar ou cunha navalla. Daría algo por ter algún daqueles traballos.

—Tallista, ordenanza en Sindicatos e becado para ir a Compostela. Que lle pasou con Asorey?

—Nada, literalmente. Que nin lle interesei nin me deu oportunidade algunha de que así fose. O primeiro día non quixo saber nada de min e derivoume a un axudante, e o axudante a outro. Nin Asorey, nin o axudante, nin o axudante do axudante se interesaron por min. Quedei tirado, sen facer nada, e logo pasáronme á Meste Mateo. Na escola empecei a traballar o barro e coñecín ao escultor Liste. Tiña un taller onde é a Praza Roxa de Compostela, que daquela eran todo hortas, e polo día tallaba alí e pola noite ía ás clases á Mestre Mateo. Alí fixen o meu primeiro Cristo: veu a Ourense na baca do Castromil e logo subímolo á igrexa nun carro de mulas.

—Como rematou en Viduedo?

—Un día pasaba por aquí, gustoume a casa e non parei ata que a merquei. Coincidiu nun tempo en que os artistas empezamos a vivir fóra da cidade: Xaime para Vilar de Astrés, Virxilio en Tamallancos, De Dios na Cabeanca. A de Compostela é a estrada dos artistas: entre creadores e galerías igual pasan dun cento ao pé ou próximos á N-525.

—En que se lle vai o tempo?

—Nas mulleres (ri). Sempre me gustou viaxar e agora gozo lembrando as vivencias das viaxes