Saltar ao contido principal

Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. COMUNICADO ANTE AS RECENTES MORTES NA FRONTEIRA SUR

 Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. COMUNICADO ANTE AS RECENTES MORTES NA FRONTEIRA SUR Desde a Rede Galega en Apoio ás persoas Refuxiadas condenamos a situación de violencia vivida antonte na fronteira de Marrocos con Melilla e que custou a vida, polo momento, de polo menos a 27 persoas e máis de 300 feridos. Non son números, pois cada unha delas tiñan e teñen un nome, unha historia, unha familia e uns soños para realizar. A través deste comunicado, declaramos que a represión violenta exercida por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado español e da Xendarmería marroquí ante o intento de acceso pola zona do valado fronteirizo do Barrio Chinés, en Melilla, responde a unha das expresións máis sanguentas das prácticas das nosas políticas migratorias. Uns actos violentos que revelan a estrutura racista e xenófoba desas políticas porque atacan e discriminan ás persoas segundo o seu perfil étnico e procedencia, aínda a pesar de ser persoas que foxen de guerras, como as que tentaron acceder á Cidade autónoma no día de onte. Moitas destas persoas que viviron este desamparo proceden de Chad e de Sudán, países que, do mesmo xeito que outros moitos, atópanse inmersos en conflitos bélicos desde hai moitos anos e das que ACNUR recoñece o seu estatuto de persoas refuxiadas. Non comprendemos como o presidente do Goberno pode felicitar a Marrocos antes as mortes e as imaxes que nos deixou a xornada de antonte e que puidemos ver a través dos medios de comunicación. É por iso que denunciamos a dobre vara de medir co que se trata ás persoas procedentes de determinados países cando, hai apenas 3 meses, demostrouse que cando existe vontade política, a acollida e o establecemento de vías legais e seguras para as persoas que necesitan protección das súas vidas poden ser un feito e actívanse rapidamente con todas as garantías necesarias. Por todo iso, esiximos que se respecte a lexislación internacional, que non cousifiquen máis vidas para utilizalas como bens intercambiables e que se habiliten vías legais e seguras que permitan ás persoas exercer os seus dereitos de solicitude de asilo e refuxio e de migrar, preservando a súa integridade física e mental. Esiximos responsabilidades ao goberno de España por unhas mortes sucedidas en instalacións financiadas con cartos entregados a Marrocos para o control de fronteiras e reclamamos unha investigación que esclareza os feitos, o cese do uso de material antidisturbios contra persoas vulnerables e que se garanta o principio de non devolución, permitindo o acceso efectivo ao dereito de asilo das persoas que conseguen cruzar. Esiximos á Unión Europea que acabe coa súa estratexia de externalización de fronteiras, e promova unha política migratoria baseada na seguridade humana, na protección dos dereitos humanos e nas relacións exteriores xustas. Expresamos a nosa solidariedade coas vítimas e as súas familias e a nosa dor ante unha política que provoca morte acotío. Migrar é un dereito, non é un delito.