Saltar ao contido principal

Manifiesto Fuco Buxán -SAHARA

 



  En relación co cambio de posición do Goberno español sobre o contencioso do Sahara, a A. C. FUCO BUXÁN quere poñer de manifesto que os tradicionais vínculos da sociedade española co pobo saharauí fan deste un tema moi sensible en términos de compromiso histórico, moral e xurídico, ao que hai que engadir o factor emocional que esta cuestión ten para a esquerda e o progresismo como columna vertebral de boa parte das súas loitas. Ao noso xuízo, o xiro histórico dado por Pedro Sánchez supón unha sorpresiva traizón a este pobo irmán, o abandono a súa sorte e un claro apoio á ocupación do Sahara Occidental por parte de Marrocos. A declaración unilateral, á marxe da legalidade internacional, dá carta de natureza á política de feitos consumados e aboca á fronte Polisario á solución armada. Entendemos que a ignominiosa claudicación -sen contrapartidas confesables- da nosa responsabilidade como potencia administradora/mediadora entre as partes e as Nacións Unidas sitúanos ao lado da ditadura Alauí, un réxime que non respecta os DD.HH e que utiliza a menores e refuxiados como arma de agresión. A carta ao Rey de Marrocos – a súa publicidade dá a medida da fiabilidade deste ‘socio’- constitúe un episodio máis do xiro á dereita de Pedro Sánchez. Converter en partidista o que debe ser cuestión de Estado supón unha clara deslealdade á parte do Goberno representada por Unidas Podemos e ao resto das forzas políticas que non foron informadas -tampouco a opinión pública e moito menos os propios saharauís- máis aló dunhas balbuceantes palabras do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, nunha improvisada e intranquilizante rolda de prensa que xerou a sensación de falta de rumbo. Desde a A. C. FUCO BUXÁN esiximos do Goberno os estándares de transparencia propios de calquera país democrático -sen ambiguedades intencionadas- debate, consensos e explicacións claras. Esiximos coherencia en política exterior e o regreso ao marco institucional das Nacións Unidas que avala o recoñecemento da liberdade do pobo saharauí para decidir democráticamente sobre o seu futuro. A República Árabe Democrática Saharauí ten ocupado o seu territorio nun 80% por Marrocos, un Estado invasor e xenocida; garantir a posición do máis forte sobre un territorio en disputa é inaceptable pois supón xogar coa vida e a morte de decenas de miles de persoas, dos seus descendentes, que -por certo- foron concidadáns nosos ata o abandono da rexión polo último goberno da ditadura franquista. Reclamamos do PSOE que axuste as súas políticas ás propostas do seu programa electoral e ás resolucións do 40 Congreso Federal celebrado fai cinco meses e, por último, esiximos ao noso Goberno que teña un nivel de compromiso co pobo Saharauí acorde á autonomía e á xustiza social dos pobos do mundo. Ferrol, 22 de marzo de 2022