Usuarias e usuarios do transporte público por estrada entre Ferrol e A Coruña non están satisfeitos co servizo que lles ofrece a empresa Monbus, en unión con outras compañías, após substituír á empresa Arriva.
A Plataforma por un transporte público digno de Ferrol e comarca volveu a demandar "o restabelecemento das liñas e frecuencias que existían antes do cambio da concesión” nunha rolda de prensa que realizaron na Praza da Galiza.
Teresa Vázquez, portavoz desta plataforma, criticou que tanto a Xunta como as empresas concesionarias "realizaron unha auditoría e unha enquisa aos usuarios para detectar os desaxustes". Porén, asegura que "non sabemos para o que serviron, xa que na reunión que mantivemos a semana pasada co director xeral de Mobilidade instóusenos a informar por escrito, unha vez máis, sobre as nosas demandas".
A representante deste colectivo detallou que "tras meses de anuncios de melloras, o certo é que se continúa igual, sen recuperar un servizo que funcionaba ben". Para Vázquez, a situación empeorou. "Agora vemos que cando necesitamos coller o bus esa frecuencia foi eliminada", lamenta.
A eiva da limitación de quilómetros
Teresa Vázquez detallou que "a actual concesión ten un número de quilómetros tan limitado que calquera axuste nas liñas e nas frecuencias, implica deixar sen servizo a veciños ou colectivos dunha ou doutra localidade, facendo así máis precario o servizo", ademais de incidir que se está "mesturando o transporte discrecional co escolar, co obxectivo de incrementar a rendibilidade das concesionarias".
Alén diso, afondou no tema laboral do persoal da empresa que “sufriu un empeoramento das condicións laborais dos seus traballadores", asegura.
Con este panorama, a Plataforma reclama a todas as administracións que "actúen dunha vez de maneira decidida para saír do illamento no que se atopa na actualidade a comarca, produto da carencia de medios, sen esquecer a importancia que para nós tamén ten o tren".