Saltar ao contido principal

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN


 


COMUNICADO DA ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN

En relación coa Carta Aberta de Rafael Pillado dando noticia da súa grave enfermidade
consecuencia da súa exposición ao amianto, desde a A. C. Fuco Buxán queremos manifestar
publicamente o noso apoio incondicional no plano persoal ao noso compañeiro e á súa familia e -
paralelamente- comprometernos en cantas accións poidan exercitar con ánimo de dar difusión ao
seu caso para facer visible a gravidade do problema e a súa evidente dimensión social.
No seu momento, a A. C. Fuco Buxán promoveu diversas iniciativas (a fundación de AGAVIDA
entre elas) encamiñadas a mitigar o desamparo das vítimas, o descoñecemento dos seus dereitos
e a denuncia do feito de que a ditadura franquista, de forma irresponsable e co seu coñecido
desprezo pola vida, autorizase a importación e uso sen límites do amianto coa consecuente
contaminación de terras, auga, edificacións, etc. para o enriquecemento dalgúns, de ‘os de
sempre’. Aplicámonos tamén en sinalar as claves actuais deste debate imprescindible e
inaprazable, a pasividade, complicidades e reiterada actitude obstrucionista de quen -xa baixo o
réxime democrático- estigmatizaron o problema con ánimo de impedir o debate, que se coñecese
a súa auténtica magnitude á vez que propiciaban a impunidade dos perpetradores.
O marco da conmemoración do 50 aniversario do 10 de marzo do 72 -Día da Clase Obreira
Galega- é particularmente propicio para continuar nesta tarefa e facer chegar ao conxunto da
sociedade unha mensaxe clara, informado e potente: este non é un problema de fai cincuenta ou
sesenta anos e que incumbe a uns poucos, é de hoxe, aféctanos a todos e a todas sen excepción
e ten uns tremendos custos sociais. O seu coñecemento xeneralizado e a intervención dos
poderes públicos, con todos os seus recursos, é decisiva na articulación de solucións para agora e
de prevención con vistas ao futuro.
O exemplo vital de Rafael Pillado, o seu testemuño irrebatible, é sen dúbida un valioso estímulo
para continuar nesta tarefa que nos propoñemos.
--