Saltar ao contido principal

ÁRTABRA 21 , Carta de Rafael Pillado



Este domingo 30 de xaneiro de 2022, Rafael Pillado facía público que padece cancro producido polo amianto. Na súa mensaxe manifesta que non quere que a súa enfermidade quede oculta e denuncia aos responsábeis dos miles de asasinatos silenciosos que causa o amianto. Desde o Colectivo Ártabra 21, pensamos que podemos falar por todos os seus membros, sentimos con dor a noticia. Para nós Rafael sempre é unha referencia, pola súa forza, ánimo e compromiso con todas as causas xustas, non só pola súa pegada na Historia deste pobo, en particular no mundo obreiro, senón pola súa actitude de dignidade, loita e solidariedade. Aínda que non compartamos todas as súas posicións políticas, si admiramos e respectamos a Rafael, porque del emanan valores para facer o ben e evitar o mal. É unha persoa que practica a ética na acción e non nos deixa indiferentes. Construtor de pontes, creador de iniciativas, sempre no camiño de facer o ben común e compartir a felicidade coas persoas. Ánimo Rafael, admiramos a túa actitude e desexamos de corazón que venzas a enfermidade.
 
Carta de Rafael

Estimadas amigas e amigos: estes días recibín a mala noticia de que padezo cancro. Cancro producido polo amianto. Un mesotelioma que limita o meu tempo de vida.

No transcurso de ese tempo, quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidades e a de tantos afectados, sexa clandestina. Pretendo ademais que a miña reclamación sexa ocasión para denunciar aos responsables dos nosos asasinatos silenciosos. Unha ditadura fascista que tras ser financiada pola Banca Mars, recibiu do ditador autorización en exclusiva para importar sen límites, o amianto, e que a través de Uralita contaminou a auga, as terras, os tellados i edificacións, e mata e sigue matando a miles de persoas.

Pretendo tamén contribuír, mentres dure, a celebración do 50 Aniversario do 10 de marzo de 1972.

Aperta forte, sempre.

Ferrol, 30 de xaneiro de 2022