Saltar ao contido principal

 




Celebrouse no Ateneo Ferrolán, o pasado xoves 18, un encontro com o Comité Cidadá de Emerxencia para a Ria de Ferrol. Un encontro que tiña como finalidade recuperar a memoria sobre os feitos acontecidos ao longo destes 20 últimos anos, en relación à construción e posta em marcha da planta regasificadora de Mugardos, e tamén, dar as pinceladas do que vai ser a actuación do Comité no próximo ano. Como dicía o lema da convocatoria “esta é unha loita historia com futuro”.

No acto interveu o Coordinador do Comité, Manuel Angel Rodríguez Carballeira, quen fixo un resume do camiño de corrupción, burla da legalidade e enganos que favoreceron a instalación da planta. Recordou asemade os feitos máis significativos do movemento opositor á planta (parada de gaseiros bloqueando a entrada da ría, mobilizacións, feches veciñais, concentracións...)

Luz Marina Torrente falou do que significou para a veciñanza de Meha, o ter que enfrontar unha ameaza tan enorme “David contra Goliat”, recordando que que pasou este luns coa acción na Planta de Greenpeace, foi un sopro de ar fresco para a veciñanza e demostrar que todo o que se viña dicindo de Reganosa por parte dos veciños e veciñas era verdade “agora que nos veñan a contar o conto de que a planta é segura”.

Pola sua parte Manuel Amorim desmentiu unha a unha toda a argumentación coa que Reganosa quixo gañar a opinión pública, con promesas de creación de miles de empregos, ou que ia atraer outras industrias, ata cando sentenciou que o GNL nen ardía nen explotaba. Na sua intervención fixo especial fincapé nas consecuencias que o gas ten no cambio climático.

Na quenda de Carlos Álvarez tocou explicar como foi a actuación do Comité na “barricada xudicial”. Explicando os 17 contenciosos que desenvolveu o comité, as argucias ás que se agarra a empresa para dilatar os tempos xudiciais e a connivencia con as distintas institucións que, a canda sentencia condenatoria ten preparado o remendo para permitir continuar a Reganosa. Nestes momentos, aclarou “estamos recorrindo as terceiras autorizacións”

Lupe Ces pechou o acto agradecendo o apoio ao Comité ao longo destes 20 anos, lembrando que o Comité só se financia con eses apoios económicos e iniciativas como o da lotería de Nadal, e o traballo totalmente voluntario da avogada Patricia Gabeiras. “Imos seguir porque a nosa vida está en perigo, o ecosistema da ria sofre danos e a corrupción non pode ficar imune”.

Vídeos do Acto: 1ª e 2ª parte.

https://youtu.be/KtcJBMAegXc

https://youtu.be/ejbn8JTpfQs