Saltar ao contido principal

 MANIFESTO

10 de Marzo (1972 2022) 50 anos de Memoria e Dignidade

O 10 de Marzo de 2022 Día da Clase Obreira Galega conmemoraremos o 50 aniversario dos sucesos daquel 1972, que marcaron un fito na Memoria e na Historia da sociedade galega e española.

As entidades abaixo asinantes, en calidade de organizadoras, imos desenvolver ao longo do próximo ano unha serie de actividades que precisarán do respaldo e a colaboración do movemento asociativo, entidades e persoas que, a título individual, se queiran sumar.

Aqueles acontecementos, que tiveron a súa orixe na cidade natal do ditador e repercusión internacional, significaron un momento álxido, o máis importante na loita da clase obreira galega “organizada” contra a ditadura. Non foi só unha loita por un convenio colectivo, por unhas puntuais condicións salariais ou de traballo que tamén senón unha loita pola dignidade como cidadáns de plenos dereitos, pola liberdade, por un sistema democrático, contra a opresión dunha ditadura iniciada antes de que moitos dos protagonistas dese momento nacesen. Os enormes sacrificios dalgúns e o valioso apoio de moitos outros sectores da sociedade: estudantes, intelectuais, movementos de base, feminismo e mesmo, timidamente, un sector da dereita (empuxado polas forzas democráticas) que, ante o esgotamento da ditadura, optou por pactar unha saída democrática conservando importantes resortes de poder.

O 10 de Marzo en Ferrol, a brutal represión, o asasinato dos traballadores Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García e o Xuízo dos 23. As mobilizacións das traballadoras e traballadores de Vigo en setembro. A detención da dirección estatal das CC.OO co conseguinte Proceso 1001, foron importantes elos desa cadea que constituíu a longa marcha polas liberdades fronte a quenes pretendían frear a historia.

Con esta conmemoración, e tendo como punto de partida a Memoria Histórica, pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia. Como afirmou con acerto o filósofo Benedetto Croce “Toda a Historia é contemporánea. Ocupámonos do pasado porque ten que ver co que ocorre hoxe”: En momentos de fraxilidade dos dereitos máis básicos, de grandes desigualdades sociais, de desinformación, de moi graves complicidades coa corrupción, non está de máis o debate, a confrontación de ideas, o lembrar á sociedade o que é a “conciencia de clase” especialmente á mocidade, semente de futuro as virtudes sociais e os valores que inspiraron os sucesos que agora rememoramos pero, iso si, sen paternalismos, sen perder de vista o feito de que unha xeración non ensina a outra: ambas aprenden xuntas porque os nosos destinos están uns en mans doutros e unidos derrotaremos o intento de arrebatarnos as conquistas sociais. Partidos de esquerda, sindicatos e asociacións progresistas, o mundo da cultura, as clases traballadoras entendidas no sentido máis amplo teñen que traballar por consolidar o estado de benestar e humanizar o progreso. Teñen que traballar por recuperar a esperanza compartida.

Estas son en síntese as motivacións que nos levan á conmemoración daqueles acontecementos mediante unhas actividades que se prolongarán ao longo do ano e nas que todos e todas teremos protagonismo. Un protagonismo que será especial no caso de quenes o tiveron entón, a memoria dos que fisicamente non nos poden acompañar e desde logo a colaboración dos que seguen na “brecha” , día a día, mantendo e defendendo aqueles valores que son os de sempre.

Ferrol, 15.09.2021

Asociación Cultural Fuco Buxán

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática